Skip to main content
Monforte

O PP de Monforte demanda un plan de revisión e mantemento do mobiliario urbano

Por 16 Decembro, 2023Decembro 17th, 2023Sin comentarios

Os concelleiros da Agrupación Municipal do PP de Monforte defenderán no pleno deste mes unha iniciativa para que o Goberno local se preocupe de poñer freo ao grave deterioro que sofre o mobiliario urbano e a falta de mantemento das zonas verdes e de xogo infantís.

A voceira popular, Katy Varela, explica que “recibimos constantemente queixas de veciños que nos fan chegar imaxes de zonas de lecer que están desatendidas” o que provoca malestar entre os monfortinos que ven como “a imaxe da vila cada vez vai a peor”.

Katy Varela sinala que hai numerosos exemplos deste abandono, entre os que se poderían destacar os bancos de madeira na zona de Carude e da Pinguela, que se encontran “debaixo das árbores e que durante moitas semanas do ano están cheos de excrementos de paxaros polo que a veciñanza non os pode utilizar”. Neste censo, tamén destaca os desperfectos no paseo ata Piñeira, dende o parque dos Condes, e na zona do parque de Covas, onde hai varias varandas rotas.

Nesta liña, destaca que a pérgola que está na rúa do Conde, onde está a estatua de Manuel María ten danos evidentes e no parque Doctor López Suárez, os elementos do parque biosaudable foron pintados por riba do óxido e sen repoñer as pezas estragadas, faltan asentos e tamén os aparellos con pedais que antes estaban instalados. “Os bambáns infantís precisan arranxos e a pista de deporte cuberta ten moitas goteiras e o parque novo do Hospital xa presenta estragos”.

Por iso piden un plan de renovación do mobiliario urbano de Monforte, polo que agardan que “se preste atención a esta iniciativa que unicamente busca mellorar a imaxe da nosa cidade e os servizos dos que poden facer uso os monfortinos”, explicou.