Skip to main content
Pantón

O alcalde de Pantón anuncia que a construción da residencia da terceira idade podería comezar axiña

Por 23 Decembro, 2023Sin comentarios

“As obras da residencia da terceira idade poderían comezar no primeiro trimestre do 2024”, asegura o alcalde de Pantón despois de que se aprobara no pleno do Concello a declaración de especial interese de utilidade municipal das obras para a residencia da terceira idade.

O Concello de Pantón ten asinado convenio coa Fundación San Rosendo para facer unha residencia con 36 prazas por un orzamento de 1.400.000 euros, para a que a administración local cede o terreo.

Xa se tiña tamén concedida a licenza de obra e agora vense de aprobar unha bonificación do 95% para esa licenza, en base á ordenanza da que dispón o Concello para incentivar obras de especial interese para o municipio. A Fundación San Rosendo solicitou esa bonificación tal como recolle a ordenanza, e agora o pleno aprobouna cos votos do PP, a abstención de PSOE e Avanza Pantón e o voto en contra do BNG.

Con estes trámites aprobados o alcalde, José Luis Álvarez, espera que as obras da residencia poidan comezar no primeiro trimestre do 2024 e hai o compromiso de facelas nun ano, polo que Pantón contaría coa residencia da terceira idade para comezos do 2025.

Máis temas tratados no pleno

O rexedor local destaca tamén a importancia do obradoiro de emprego que se está a desenvolver cos concellos de Sober e do Saviñao, no que o alumnado se forma no mantemento de áreas recreativas e de rutas de sendeirismo e, por outra banda, cóntase con formación sociosanitaria.

“Cóntase con 7 persoas que fan prácticas nas residencias de Sober e O Saviñao e no centro de día de Pantón; cando remate o obradoiro en outubro do vindeiro ano, estas persoas sairán cun título para poder traballar tanto en axuda no fogar como na residencia”, destaca José Luis Álvarez.

Neste último pleno do ano tamén se deu luz verde ao convenio que hai que asinar coa Consellería de Sanidade, a través do Servicio Galego de Saúde, para construír un novo centro de saúde.

Neste caso, o Concello comprométese a ceder o terreo despois de aprobar no pleno, coa abstención de BNG e PSOE, autorizar ao alcalde para asinar este convenio e que se poida facer o novo centro de saúde.

Por último, o equipo de Goberno tamén decidiu tomar en consideración a moción do BNG para abrir furanchos no municipio: “Decidiuse facer unha nova ordenanza para estudar este tema e ver que se pode facer e onde se pode facer”, apunta José Luis Álvarez.