Skip to main content
Quiroga

O Apalpador visitará as rúas de Quiroga este sábado, 23 de decembro

Por 21 Decembro, 2023Sin comentarios

O BNG de Quiroga convida ao Apalpador, que estará polas rúas da vila e na Casa da Cultura este sábado 23 de decembro pola mañá, saíndo ás 11.30 horas da Casa da Cultura para despois ir á praza Maior, á praza España, percorrer a rúa Real, parar na praza Rúa Lago e rematar no punto de partida. Alí, ás 12.30 horas contará uns contos ata as 13.00 horas.

Así, o Apalpador, chegado das montañas do Courel, visitará Quiroga para facer un percorrido por diferentes rúas da vila acompañado do seu amigo Servando Barreiro, un músico que tocará a concertina, un pequeno acordeón, anunciando a súa presenza.

“Hai anos que o convidamos a vir a Quiroga e non foi posible. E este ano, tendo máis datas libres por mor de caer esta proposta da programación cultural de Nadal da Deputación de Pontevedra, atopamos oco”, comenta Xosé Manuel Fernández, concelleiro de Quiroga e responsable local do BNG de Quiroga.  “Esperamos que a xente se anime a seguilo polas rúas quiroguesas, e a escoitar as súas historias na Casa da Cultura”, engade.

Quen é o Apalpador?

Desde o BNG explican que na montaña lucense, e entre outros vales, no do Courel, atópase un carboeiro vello e rexo que apalpa a barriga dos nenos. Ata hai ben pouco case nada se sabía da figura deste ser mítico: o Apalpador. Está sempre descrito coma un home grande, groso, barbudo e chega nas noites de Nadal e Fin de Ano. Pero non é Santa Claus ou Papa Noel nin ten nada que ver cos Reis Meigos, aínda que todos eles comparten un fin común: aledar aos máis pequenos da casa.

Segundo a tradición, o Apalpador vive na montaña e o seu oficio é carboeiro. É forte e grande, usa boina, unha chaqueta vella e remendada, fuma en pipa e aliméntase con abruños salvaxes e da carne de xabaril que caza no monte. Esa é máis ou menos a imaxe que lembra a xente maior a partir das historias que lles contaban os seus avós.