Skip to main content
Quiroga

O Concello de Quiroga obterá un tractor para o arranxo das pistas grazas a unha achega da Deputación

Por 29 Decembro, 2023Decembro 30th, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo aportará 123.000 euros ao Concello de Quiroga para que poida adquirir un tractor para o arranxo e mantemento de pistas, co que mellorará a mobilidade, e para poder implantar a plataforma dixital Aldealista, coa que potenciará a promoción turística do municipio.

A través da sinatura dun convenio entre José Tomé Roca, e o alcalde de Quiroga, José Rivera Castro, que acudiu á firma co tenente de alcalde da localidade, Vicente Vizcaíno Parra; formalizaron a colaboración entre as dúas entidades.

José Tomé, pola súa parte, enmarcou este acordo na “cooperación, intensa e continua, que mantemos con todos os concellos da provincia, neste caso co de Quiroga, para que poida ofrecer máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”. E lembrou o compromiso do Goberno provincial “para facer que a Deputación funcione como un concello grande que axude ao resto de concellos”.

Concretamente, este convenio co Concello de Quiroga permitirá a adquisición dun tractor para o arranxo e o acondicionamento de camiños rurais, unha nova maquinaria que servirá para poñer a punto as pistas de titularidade municipal “en inadecuado estado de mantemento”, tal e como sinalan desde o Concello.

“Este tractor permitiranos manter, acondicionar e mellorar moitos pasos deteriorados polo mal uso, o abandono e as condicións meteorolóxicas, pero tamén recuperar trazados orixinais”, apuntan.

Por outra banda, a Deputación tamén axudará a Quiroga a implantar Aldealista, unha plataforma dixital que servirá para dar visibilidade ás aldeas do rural e promocionalas para visitas, compras ou unha boa opción para quedarse a vivir. “Unha ferramenta útil para revalorizar as zonas rurais e favorecer o seu crecemento”, explican desde o Concello.