Skip to main content
O IncioParadela

As obras de restauración dos pilotos de soutos no Incio e en Paradela terán lugar en 2024

O titular de Medio Rural na Xunta de Galicia, José González, anunciou que ao longo do 2024 poranse en funcionamento os primeiros polígonos agroforestais e as primeiras agrupacións de xestión conxunta, fundamentalmente ligadas ao sector forestal, así como os novidosos espazos agrarios de experimentación.

Así, o conselleiro destacou que no vindeiro ano se porán en marcha as obras de restauración dos pilotos de soutos en Parada de Sil, O Bolo, a Veiga; na provincia de Ourense; e O Incio e Paradela; na de Lugo.

Ademais, continuarase cos pilotos dos plans de dinamización dos núcleos de Trascastro (O Inicio), Osmo (Cenlle), O Penedo (Boborás) e Muimenta (Carballeda de Avia). Estes plans, indicou González, serán un instrumento urbanístico que permitirá rehabilitar estas aldeas do xeito máis áxil posible.

Estas figuras teñen un carácter dinamizador do territorio e innovador e para a súa posta en marcha e desenvolvemento estanse captando fondos europeos destinados á innovación e cooperación e orientados cara a dixitalización, a rastrexabilidade e valoración dos produtos agroalimentarios ou a mellora enerxética, entre outros aspectos. Todo este esforzo suporá un investimento de máis de 10,5 millóns de euros por parte da Xunta, dos que máis da metade se destinarán á execución de polígonos e aldeas modelo.