Skip to main content
Láncara

O Concello de Láncara contará con 2,5 millóns de euros no ano 2024, o presuposto máis elevado da historia do municipio

Por 3 Decembro, 2023Decembro 4th, 2023Sin comentarios

O Goberno local de Láncara vén de aprobar os seus orzamentos para o ano 2024 cun valor de máis de 2,5 millóns de euros, concretamente de 2.718.571 euros; o máis elevado na historia do municipio.

Estas contas foron aprobadas durante o último pleno da corporación municipal cos votos a favor do PSOE e do BNG, pero obtiveron as abstencións do Partido Popular.

Así, os presupostos contemplan inversións por valor de 638.016 euros, dos que 190.641 irán destinados á mellora das pistas municipais, incluídas no plan Único da Deputación, e tamén dedicaranse 145.336 euros para a reparación da cuberta e substitución de luces no polideportivo do Concello.

Por outra banda, outros 104.487 utilizaranse para humanizar a estrada LU-621 ao seu paso pola parroquia de Láncara e outros 17.660 euros irán para mellorar o punto limpo, 60.000 para pavimentar algunhas rúas da Pobra de San Xiao e 119.890 euros para mellorar pistas na parroquia de San Martiño de Río.

Por último, 129.000 euros servirán para acometer a substitución da ponte sobre o río Sarria no núcleo de Supena, que irán transferidos á CHMS.

Subida das taxas da auga e da recollida do lixo

O Goberno local de Láncara tamén aprobou durante o pleno unha subida das taxas da auga e da recollida de lixo, aplicable a partir do ano que vén, que o alcalde, Darío Piñeiro, xustificou como “inevitable debido ao incremento dos custos e ao tipo de tarifa que se aplica en Láncara”.

Desta maneira, a cota fixa da auga pasará a ser de 6,5 euros por trimestre para a función doméstica e de 12,5 euros para outros usos. Pola súa parte, a cota do lixo será de 24,50 euros trimestrais, unha decisión que non apoiou o PP, que se abstivo no caso da taxa da auga.

O alcalde incidiu en que “é a primeira vez que se sobe e faise porque non queda outro remedio. Esta foi a decisión máis complicada que tiven que tomar nos meus dez anos á fronte da Alcaldía”.

Outros puntos

No pleno aprobouse por unanimidade unha moción do PSOE cunha emenda do PP para pedir á Xunta que destine 183.000 euros cobrados aos veciños en concepto de canon a traídas de auga en Láncara.

Por outra banda, aprobouse tamén un suplemento de crédito de 71.000 euros para recursos de abastecemento e enerxía, mentres que a moción presentada polo PP con respecto á creación dun refuxio para animais no municipio foi rexeitada polo PSOE e tamén polo BNG.