Skip to main content
Láncara

Este mércores preséntanse os resultados da diagnose de amigabilidade do Concello de Láncara

Por 18 Decembro, 2023Sin comentarios

O antigo centro médico de Láncara acolle a presentación dos resultados da diagnose de amigabilidade do Concello de Láncara, despois de celebrarse diversas reunións con veciños e veciñas de máis de 60 anos das diferentes parroquias do municipio.

Nestas xornadas, as persoas participantes puideron falar sobre experiencias positivas e negativas, así como de suxerencias de mellora en relación a espazos ao aire libre e edificios, transporte, vivenda, respecto e inclusión social; polo que os resultados dirán se Láncara é un Concello moi amigable ou non.

Desde o Goberno local explican que os resultados son froito das experiencias e aportacións feitas por veciños e veciñas, así como persoas que traballan no municipio, e “ás que lles queremos agradecer a súa participación neste estudo”, que será presentado o 20 de decembro ás 17.00 horas.

A iniciativa dos concellos amigables, promovida pola Organización Mundial da Saúde e o Instituto de Maiores e Servizos Sociais, ten como obxectivo crear contornas onde as persoas poidan envellecer dignamente e con calidade de vida, tendo en conta as súas necesidades, opinións, demandas e propostas das persoas maiores en todos os ámbitos da política local.