Skip to main content
Láncara

A veciñanza de Láncara pide un mellor transporte, máis cobertura e un centro social na Pobra de San Xiao

Por 22 Decembro, 2023Sin comentarios

O Concello de Láncara celebrou a última reunión do proxecto Láncara Amigable coas Persoas Maiores, que tivo lugar na Pobra de San Xiao.

Nela, recolléronse decenas de demandas dos veciños e veciñas do municipio, que pediron un mellor transporte nas áreas rurais, mellorar o servizo de cobertura móbil e pediron a creación dun centro social no que poder reunirse e planificar actividades.

Da man da cooperativa Atoupa, a iniciativa da rede mundial de cidades e comunidades amigables coas persoas maiores da OMS, quíxose deseñar unha serie de políticas dirixidas aos máis vellos implicando aos seus protagonistas en Láncara, polo que se fixeron diversas reunións.

En conclusión, os resultados amosaron que a preocupación principal é o transporte, xa que moitos veciños non se poden trasladar ata a Pobra de San Xiao ou ata Sarria, xa que a dispersión xeográfica os illa, segundo explicou Carlota Vivero.

Por outra banda, a falta de cobertura nalgunhas parroquias tamén é unha das demandas dos participantes, xa que é unha necesidade sobre todo nas persoas que teñen teleasistencia.

Por último, o centro social que piden crear podería ser “interesante para dar vida ás antigas escolas rurais e para fomentar unha maior participación dos veciños nas cuestións sociais do Concello”, argumentou Vivero.

Agora, o seguinte paso neste proxecto é deseñar un plan de acción ante as propostas vertidas da man dos propios veciños, o Concello e a cooperativa.