Skip to main content
O Páramo

O BNG denuncia a situación na que está o centro de saúde do Páramo

Por 27 Decembro, 2023Decembro 28th, 2023Sin comentarios

O BNG do Páramo, representado por Marta Portero denuncia “a falta habitual de persoal facultativo deixa á poboación sen asistencia médica inmediata no centro de saúde do Páramo”. Ademais, di que “a veciñanza do Páramo estamos fartas de que nos quiten servizos e fartas de non saber nunca se imos ter facultativos que nos atendan”.

A situación do Páramo é especialmente preocupante, xa que ten unha poboación de 1.300 habitantes e moi envellecida, “que precisa de atención médica continua e que nunca sabe o que se vai atopar no seu centro de saúde entre baixas médicas e vacacións o centro de saúde queda sen facultativos”, explican os nacionalistas.

Concretamente, durante o día de onte, 26 de decembro, denuncian que “non tivemos facultativo no centro de saúde, e hoxe día 27 non haberá ningún; e o venres pasarán consulta dous médicos solapados durante 4 horas, mentres o resto da mañá o Centro de Saúde e o Concello quedan sen ningún”.

Ademais, Portero explica que a seguinte semana “vai ser unha situación igual e a isto temos que engadirlle que non hai cita para receitas ata xaneiro, o que iso conleva para os pacientes, sobre todo aqueles doentes pluripatolóxicos que contan con medicación crónica da que non poden prescindir”.

Con esta situación, o único que lles queda aos doentes e asistir a consultas de urxencias causándolles un claro prexuízo persoal e económico e correndo o risco de saturación deste servizo.

“Seguimos agardando ese acordo que o alcalde saíu vendendo de que se ía ter médico no Paramo todos os días, pero o único que nos demostra é a falta de respecto que a Xunta de Galicia ten pola veciñanza de O Páramo. A atención primaria é a columna vertebral da sanidade pública, e non podemos deixar que nos sigan a recortar este servizo, co cal seguiremos a loitar para que entre todos nos restablezan o servizo que debemos ter en O Páramo”, concluíu Marta Portero.