Skip to main content
Sarria

Os militantes socialistas de Sarria critican a deriva do PSOE no Concello

Os militantes do Partido Socialista de Sarria critican que Benjamín Escontrela, pleno tras pleno, “está a demostrar non rexerse por ningunha directriz socialista”.

Así, sosteñen que en maio o PSOE de Sarria “non foi capaz de atopar o seu oco político e moito menos aínda o tan ansiado número 5 de concelleiros que venderon a nivel provincial, chegando a poñer en risco a continuidade da xestión da Deputación Provincial de Lugo”.  Din que eles o advertiron “e o resultado foi calcado ao vaticinado”.

A día 7 de decembro, din, “seguimos sen ter unha xestora, supoñemos que por medo a enfrontarse á militancia e á posibilidade de que nunha hipotética asemblea os concelleiros e algunha que outra persoa de status superior poidan saír mal parados e deixen de dispoñer de credibilidade dentro do partido, e é que aos feitos remitímonos, levamos case dez meses nos que o partido está desaparecido en Sarria”.

Ademais, denuncian que o PSOE de Sarria vén de votar, en diversos plenos do Concello de Sarria, “de costas ao sentido común e contra os intereses dos cidadáns, por tanto, é lóxico pensar que se lles acuse permanentemente de vivir nunha realidade paralela”.

Acusan aos concelleiros do PSOE no Concello de Sarria de “falta de compromiso cos militantes do partido, co propio partido e cos cidadáns de Sarria aos que tanto aluden cando sacan notas de prensa desprestixiando as institucións, o que demostra claramente que os plenos están improvisados, que carecen de criterio e que están aliñados perfectamente co PP”.

“Non imos ser nós quen lles dea pistas de que terían que facer para poñer sobre a mesa temas de candente actualidade onde o alcalde sairía mal parado, porque esta atribución é única e exclusivamente deles, pero mentres sigan nos plenos dicindo esta frase recorrente de “o PSOE de Sarria opina o mesmo que o exposto polo PP” eles mesmos estaranse definindo”, conclúen.