Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca TERRACHÁXADeportes AMARIÑAXADeportes LUGOXADeportes TERRACHÁXA

Troitas Bravas faise co primeiro posto na xeral de billarda logo do triunfo en Ribadeo

Por 23 Decembro, 2023Sin comentarios

Por Daniel Rodríguez Saavedra

O campo de fútbol de Outeiro, na Devesa, atopábase en bastante mal estado, mais a billarda non se achica e coa asistencia de 67 palanadores (45 homes, 14 donas e 7 cativos) disputouse o XVI torneo do Galo, aberto Vila de Ribadeo correspondente á quinta xornada da LNB da conferencia NorLeste da tempada 2023/2024.

A xeada de mañá foi trocando paseniño e desde o alto, Lorenzo foi espectador privilexiado da xornada, ollando como catro grandes da billarda loitaban polo podio final: Basilio, Charli, Navallo e Sachas, empatados a 23 puntos optaban a podio.

Charli (Carabullo) conquista unha nova praza no seu amplo currículo, segundo foi Sachas (Troitas Bravas) e terceiro Basilio (Billardeiros Musicais). Desta volta o bravo David Navallo non puido acompañar o seu compañeiro Sachas no podio.

Disque as Troitas son de auga doce, mais estas Bravas souberon nadar seguras nas augas da Mariña e o seu triunfo na xornada deulles tamén o primeiro posto na xeral. O segundo equipo foron Billardeiros Musicais e terceiros Billarda Río Miño.

En donas, as Musicais Billardeiras Aroa e Geni e mais Sandra (Troitas Bravas) foron as mellores.

En infantís, mais unha volta Diego e Mateu (Madia Leva) fixeron podio como primeiro e terceiro, deixando o segundo posto para Alba (Troitas Bravas).

Agradecemos a presencia do Concelleiro de Deportes de Ribadeo, D. Francisco Silvent, na entrega de medalla de Ouro pra os campións de cada categoría; uns lotes de produtos de Nadal para os tres primeiros da xornada e para o mellor equipo e medallas para tódolos cativos participantes.

Desexamos a todos un Bo Nadal e Aninovo Feliz anunciando que a liga regular retómase o sábado día 13 de xaneiro co V Aberto das Freces en Bretoña.

AS CLASIFICACIÓNS

Individual:

  1. Charli (Carabulllo) 108 p.
  2. Basilio (Billardeiros Musicais) 107 p.
  3. Sachas (Troitas Bravas) 104 p.

Donas:

  1. Cris (Castiñeiro Milenario) 64 p.
  2. Geni (Billardeiros Musicais) 62 p.
  3. Aroa (Billardeiros Musicais) 53 p.

Equipos:

  1. Troitas Bravas (A Pontenova) 401 p.
  2. Billardeiros Musicais (Ribadeo) 397 p.
  3. Madia Leva (Lugo) 355 p.

Infantil:

  1. Diego (Madia Leva) 74 p.
  2. Mateu (Madia Leva) 71 p.
  3. Alba (Troitas Brasvas) 41 p.