Skip to main content
BarreirosComarca LUGOXAGuitirizLugoMondoñedoVilalba

Un proxecto levará os alimentos de proximidade aos menús escolares

Por 12 Decembro, 2023Sin comentarios

Colexios de Barreiros, Parga, Mondoñedo, Becerreá, Baralla, Guntín, Navia de Suarna, Cervantes, Vilalba e Lugo participan no proxecto.

A área de Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e A Carqueixa están a desenvolver un proxecto para fomentar que os centros de ensino valoren a posibilidade de mercar directamente a produtoras e produtores locais.

A iniciativa aproveita o traballo desenvolvido pola área provincial a través do programa Da Escola á Granxa e do apoio á comercialización de produtos de razas autóctonas e a experiencia adquirida pola cooperativa gandeira en plataformas como “Son de Lugo” para poñer en contacto producións locais e comedores escolares.

A cooperativa gandeira visitará ao longo desta semana unha decena de colexios dando a coñecer os produtos das granxas e obradoiros alimentarios que participan no programa Da Escola á Granxa e ofrecéndolles a posibilidade de realizar un estudo individualizado que avalíe os procesos, embalaxes e loxística necesaria para incrementar a presenza de produtos de quilómetro cero nos menús escolares.

A actividade comezou este luns nos colexios de San Cosme de Barreiros, Mondoñedo e Parga, e continuará nos vindeiros días nos centros de infantil e primaria de Becerreá, Baralla, Guntín, Navia de Suarna, Cervantes, Mato Vizoso de Vilalba e A Ponte de Lugo, aos que se entregará un lote de produtos.

O deputado Daniel García explica que “con esta iniciativa aproveitamos a experiencia e as redes creadas ao longo destes anos para facilitar o contacto entre pequenas producións e comedores escolares e propiciar acordos que serían beneficiosos para ámbalas dúas partes; no caso dos produtores, asegurar uns ingresos recorrentes e no caso dos centros, incorporar aos menús alimentos saudables e de grande calidade”.

O proxecto ofrece tamén aos centros escolares información sobre convocatorias específicas para conseguir recursos económicos destinados a fomentar o consumo de produtos locais.

Da granxa á mesa

A iniciativa encádrase na campaña “Da granxa á mesa” coa que a área de Rural, Mar e Mocidade pretende promover o consumo de produtos de proximidade entre a poboación máis nova, con iniciativas propias e colaboracións que poñan en valor a calidade dos alimentos que se producen no rural e que sensibilicen sobre a importancia das decisións de consumo na sostibilidade económica e social das granxas e das pequenas producións locais, e polo tanto no mantemento da poboación no rural e na conservación do territorio.