Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

A Tradescola realizará un concerto didáctico de música tradicional en Outeiro de Rei

Por 19 Decembro, 2023Sin comentarios

A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteiros Galegos na cidade de Lugo, realizará este mércores unha nova actividade de promoción e difusión da música e do baile tradicional na provincia. Concretamente, mañá mércores 20 de decembro achegarase ata o concello de Outeiro de Rei, concretamente á casa da Cultura, para impartir unha nova xornada de música tradicional para escolares do CEIP Laverde Ruiz. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.

Realizarase tres concertos didácticos neste centro, como parte do premio pola participación no X Certame de debuxo para escolares que se realizou o pasado curso, e no que foi gañadora Aroa Fernández Barreiro.

O concerto estará impartido polos mestres da Tradescola Lucía Eiros, Jose Manuel López, Miguel Anxo López e Roberto Rodríguez, e nel amosaránselles aos alumnos distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.

“Dende a Tradescola trabállase a reo para poder transmitir os coñecementos das nosas tradicións da mellor maneira posible ás novas xeracións, para que saiban conservalos, respectalos e poñelos en valor”, din.

Estos concertos son moi importantes para a Tradescola, xa que estes posibles novos músicos e bailadores serán os que xoguen un papel básico no futuro das nosas tradicións, da nosa música, canto e baile e como non, tamén da nosa lingua.