Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Ángeles Vázquez supervisa a obra das piscinas de Outeiro de Rei con fondos do Plan Hurbe

Por 20 Decembro, 2023Sin comentarios

A vicepresidenta segunda pon en valor actuacións como a que se está a desenvolver en Outeiro de Rei para crear, entre outros espazos, unha área de ocio con dúas piscinas, un edificio polivalente e un centro de BTT por importe de 1,1 millóns de euros.

A Xunta de Galicia avanza no apoio aos concellos para urbanizar e humanizar as vilas e núcleos rurais a través de actuacións como as enmarcadas no Plan Hurbe, que para o ano 2024 conta cun orzamento de 8 millóns de euros. Así o destacou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha visita ás obras de mellora que se están a realizar no concello de Outeiro de Rei ao abeiro deste programa por importe de 1,1 millóns de euros.

A representante do Executivo galego lembrou que o Plan Hurbe -posto en marcha no ano 2010- permite axudar ás administracións locais a financiar actuacións deste tipo que inciden de forma positiva na calidade de vida da cidadanía coa aportación por parte da Xunta do 70% do orzamento e o 30% restante por parte do concello.

De feito, desde 2010 mobilizáronse ao abeiro desta iniciativa preto de 170 millóns de euros froito do desenvolvemento de máis de 420 actuacións urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.

O proxecto que visitou Ángeles Vázquez en Outeiro de Rei é un exemplo destes traballos de desenvolvemento dos espazos municipais ao permitir a creación dunha nova área de ocio nunha parcela de preto de 2.700 metros cadrados de superficie, na zona de Santa Isabel, ao carón do río Miño. Nel a Xunta inviste 770.000 euros e o concello os 330.000 euros restantes.

As obras que se están a realizar inclúen a instalación de dúas piscinas -unha de uso infantil e outra para adultos-, unha zona destinada a usos complementarios con aseos vestiarios e área de enfermaría, un edificio polivalente que albergará unha cafetería con espazo para almacén, cociña e baños así como un centro de BTT cunha zona de taller para reparar bicicletas, unha área exterior de lavado e aseos.

A vicepresidenta segunda puxo en valor que o Plan Hurbe impulsa o desenvolvemento das vilas e núcleos rurais en clave de sustentabilidade económica, medioambiental e social, contribúe a mellorar os equipamentos e dotacións -incrementando o atractivo das vilas, núcleos rurais e a calidade de vida dos seus veciños-, fomenta a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico das vilas e favorece a incorporación das últimas tecnoloxías en todos os eidos.