Skip to main content
As Pontes

As Pontes pon en marcha unha nova edición ndo Programa Integrado de Emprego

Por 21 Decembro, 2023Sin comentarios

As persoas interesadas en formar parte do Programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes poderán efectuar a inscrición no departamento de Orientación Laboral do Concello, situado na planta baixa en horario de 09:00 a 14:00 horas.

O Concello das Pontes pon en marcha unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia, en colaboración cos Concellos da Capela e As Somozas subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polas entidades locais.

O Programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes, cunha duración de 12 meses, ten como obxectivo prioritario, mellorar a ocupabilidade e inserción laboral da veciñanza dos concellos das Pontes, A Capela e Somozas con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral.

A través deste programa formativo ofreceráselle ao alumnado participante unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado co que desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentando a súa empregabilidade para situarse, deste xeito, nunha situación máis favorable cara o mercado laboral.

A formación está dirixida a 100 mulleres e homes desempregados, con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos con baixa cualificación e menores de 30 anos con cualificación.

O Programa Integrado de Emprego das Pontes inclúe un amplo abano de accións informativas, asesoramento, orientación laboral, de carácter individual, e un conxunto de sesión grupais organizadas entorno a adquisición de coñecementos sobre elaboración de curriculum vitae, cartas de presentación, entrevistas de traballo así como habilidades sociolaborais e clases de coaching, intelixencia emocional e motivación laboral, entre outras.

Ao mesmo tempo, o alumando adquirirá competencias profesionais demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna a través de cursos e obradoiros sobre xestión loxística, manexo de carretillas e plataforma elevadora, limpeza industrial, un curso de vixiante de seguridade ou un curso de auxiliar de produtos frescos, entre outros.

A selección das persoas beneficiarias realizarase a través da dirección do programa e, para tal efecto, as persoas interesadas en formar parte do Programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes poderán efectuar a inscrición no departamento de Orientación Laboral do Concello, situado na planta baixa en horario de 09:00 a 14:00 horas.

As persoas participantes no Programa Integrado de Emprego terán dereito a percibir unha bolsa consistente en 10 euros por día de asistencia ás accións do programa e o Programa Integrado de Emprego cubrirá os gastos de coidado e/ou atención a persoas dependentes das persoas participantes para facilitar a asistencia ás distintas accións do programa (menores de 3 a 12 anos)