Skip to main content
Vilalba

O parque de bombeiros de Vilalba volveu quedar sen efectivos este venres

Por 9 Decembro, 2023Sin comentarios

O Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento de Lugo informou que “debido ao elevado absentismo laboral no Parque de Bombeiros de Vilalba -a metade dos efectivos colleron a baixa- na quenda do venres, 8 de decembro, só se incorporaron dous traballadores”.

Engadiron tamén que o efectivo designado como suplente para cubrir os servizos mínimos, que debería terse incorporado, non se presentou. “Ante esta circunstancia, avisouse novamente a este efectivo e aos outros dous que figuraban como suplentes de servizos mínimos no cuadrante, pero, transcorrida máis dunha hora, tampouco se incorporaron”, dixeron.

“Un comportamento totalmente irresponsable, que, un día máis, deixa sen servizo o parque de Vilalba, en tanto que os bombeiros non cumpren coa súa obriga de presentarse ao seu posto de traballo e non cobren os servizos mínimos nunha prestación esencial como é a atención de emerxencias, o que lles pode traer graves consecuencias”, conclúe o Consorcio.

Este comunicou ao 112 que os dous efectivos do Parque de Vilalba que se presentaron desprazáronse a Barreiros, dende onde se atenderon as incidencias.