Skip to main content
Xermade

Veciños de Xermade reciben información do OEGA sobre o parque do Santuario

Por 16 Decembro, 2023Sin comentarios

O OEGA (Observatorio Eólico de Galicia) asesora ao Concello de Xermade sobre o impacto social e económico do Parque Eólico de Santuario.

O encontro co Observatorio foi promovido polo goberno municipal debido á gran preocupación social existente pola dimensión do proxecto e porque os propietarios perciban unha contraprestación económica xusta pola ocupación das súas terras.

Á vista da planimetría inicial, arredor de 10 dos 23 aeroxeneradores, estarían situados a menos de 500 metros de núcleos de poboación, incumprindo o Plan Sectorial Eólico de Galicia – Áreas de Desenvolvemento Eólico de 2002.

Nesta liña, como recordaba o director do OEGA, Xavier Simón, Santuario comprometería durante os vindeiros 30 anos o uso de 8.278,45 hectáreas de terreo, o equivalente a uns 10.000 campos de fútbol profesionais sen a contraprestación dunha renda rural xusta. “A Xermade vai chegar unha industria que vai investir 169.159.596M€ cunha previsión de facturación de case 40M€/ano, segundo os prezos da electricidade de novembro pasado, pero cunha gran descompensación económica para o bolso dos propietarios dos terreos e das familias. As rendas para o rural de Xermade, con 0,70€ por metro cadrado de pleno dominio e 0,35€/m2 para as servidumes, apenas alcanzarán o 1% da facturación anual”, explicou.

Os prezos de 0,70 e de 0,35€ ofertados polos tres supostos de afectación (cimentacións; vías, gabias ou franxas de biomasa; e voo dos aeroxeneradores), non corrixirían a asimetría entre os beneficios esperados e a renda rural.

Nesta situación, desde o Observatorio Eólico de Galicia recomendan aos propietarios “non ter presa” e, sobre todo, formar un grupo unido para negociar maiores prezos e apoiarse no Concello de Xermade como valedor dos seus dereitos e da veciñanza en conxunto.

A potencia total instalada para o Parque Eólico de Santuario de 161 MW multiplicaría por cinco a dos outros tres parques eólicos existentes en Xermade. Estes son Sotavento (de 2001), Carballeira (2004) e Goia Peñote (2005) que, cunha facturación conxunta en 2022 duns 12M€ achegaron un canon total para os propietarios/as duns 119.000€ (menos do 1%).

Actualmente, o proxecto do Parque Eólico de Santuario conta coa primeira autorización e, tras a exposición inicial en xuño pasado e alegacións, o seguinte paso sería a exposición pública definitiva. A súa implantación, argumenta Xavier Simón, sería estratéxica para Enel Green Power xa que xunto con outros catro parques similares distribuídos entre o norte das provincias de Lugo e da Coruña alimentaría a infraestrutura enerxética das Pontes de García Rodríguez.

O OEGA [observatorio.eolico.uvigo.es] naceu en 2018 da colaboración entre a Fundación Juana de Vega, a Fundación Isla Couto e a Universidade de Vigo aos que, en xuño de 2023, se sumou a Fundación Paideia Galiza.

DOCUMENTACIÓN

Todas as persoas interesadas en consultar os planos do parque eólico Santuario na súa afectación ao municipio de Xermade teñen a documentación á súa disposición no salón de plenos da Casa do Concello, en horario de 09.00 a 14.00 horas.