Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A comarca da Mariña amósase en Fitur

Por 27 Xaneiro, 2024Xaneiro 28th, 2024Sin comentarios

Os concellos da Mariña están a participar esta semana en Fitur, a feira turística de referencia en España, que congrega a profesionais do sector de todo o mundo.

BURELA

O Concello de Burela fai “un balance moi satisfactorio” da súa presenza en Fitur para promocionar o potencial turístico da vila.

A alcaldesa de Burela, Carmela Lopez; a concelleira de Festexos, Patricia Eijo, e o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, participaron en numerosas actividades e mantiveron reunións cos touroperadores presentes en Fitur.

“Burela ofrece natureza, uns días de desconexión, turismo familiar e boa gastronomía, aspectos buscados e moi valorados polo sector turístico”, explica a alcaldesa.

Tamén tivo lugar a presentación oficial no stand de Torremolinos da Supercopa Futsal feminina, que terá lugar o vindeiro fin de semana e onde as ‘guerreiras’ do Burela Futsal loitarán para traer a copa de novo a Burela.

RIBADEO

O alcalde, Dani Vega, declarou que “puidemos manter contactos con administracións e co sector privado, que foron moi significativos para Ribadeo. Agardamos que todo o traballo feito ao longo destes días en Fitur siga a dar os seus froitos e se traduza nunha desestacionalización do turismo e na presenza de visitantes no noso concello en épocas como o outono ou a primavera. Iso é o que perseguimos e o que tentaremos conseguir pouco a pouco”.

VIVEIRO

O Concello de Viveiro tamén estivo consolidándonse como un destino de calidade durante os doce meses do ano. “Cada ano notamos un maior interese por Viveiro, por iso é moi importante para o noso concello estar en Fitur”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.

“Os destinos de natureza como Viveiro teñen cada vez máis demanda no sector turístico e o noso concello ofrece ademais aos visitantes un elevado patrimonio cultural e histórico, unha variada gastronomía, a Semana Santa e outros eventos xa consolidados ao longo do ano”, engade a alcaldesa.

Loureiro e o concelleiro Jesús Fernández representaron a Viveiro na feira, onde mantiveron reunións “con touroperadores turísticos moi interesados na oferta de natureza e para as familias que ofrece Viveiro”.

A alcaldesa participou ademais na reunión cos municipios participantes no proxecto “Spain Culinary Villages”, no que está incluído Viveiro. Este proxecto inclúe a varios municipios de España, pola calidade dos seus restaurantes e alimentos, co obxectivo de desenvolver o seu turismo gastronómico e sostible.

PEIXE DE BURELA

Dentro da programación, o stand da Axencia de Turismo de Galicia acolle o domingo 28 ás 13.30 horas, dentro do programa de catas e degustacións Galicia Sabe A-Mar da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, un showcooking-degustación de pescada do pincho de Burela, que realizará a chef Victoria Masseda (Masseda Catering de Origen, Madrid).

Pola súa banda, o stand da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, tamén en Ifema, pero dentro da programación de Madrid Fusión Alimentos de España, acollerá o luns de 16.00 a 17.00 horas, dentro do seu programa de catas e degustacións dos produtos do mar Galicia Sabe A-Mar, a sesión do chef Diego Domínguez Couto (resturante Nomade de Santiago de Compostela) elaborando as súas propias receitas de Merluza D& Burela.