Skip to main content
BarreirosBurelaCervoComarca AMARIÑAXAFozMar AMARIÑAXAO VicedoRibadeoViveiroXove

Besteiro recolleu as propostas e reclamacións dos alcaldes afectados pola “descoordinación” da Xunta de Galicia cos granulados plásticos

Por 15 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, estivo con diferentes alcaldes, alcaldesas e voceiros socialistas da costa da Morte afectados pola marea plástica para “facer o que tiña que facer o presidente da Xunta”. Besteiro constituíu hoxe un grupo de responsables a tódolos niveis para garantir “información, coordinación e colaboración” mentres dure a crise medioambiental do vertido de pélets.

O líder socialista resumiu que “hoxe estivemos nesta reunión facendo o que tiña que facer o presidente da Xunta dende o primeiro momento, que é reunir aos alcaldes e alcaldesas afectados e poñéndose á fronte da situación”.

Gómez Besteiro ofreceu “información detallada tódolos días e as 24 horas” aos concellos que están a sufrir a chegada do plástico ás costas e que están a padecer as consecuencias da “falla de liderado, resposta, a inacción e a falla de competencia” por parte do goberno galego. Lamentou que a xestión desta crise teña revelado a “soberbia e a mentira” como forma de actuar do PP e do goberno galego.

Batería de medidas

Ademais, presentou un catálogo de cinco propostas básicas para facer fronte á situación, que comeza coa constitución de comités de crise que reúna dende o primeiro día a tódalas administracións afectadas. Reclamou incorporar aos concellos a través da Fegamp, ademais da administración estatal e autonómica con independencia do nivel necesario na crise medioambiental.

Tamén reclamou recursos materiais e humanos para que os concellos poidan afrontar a limpeza sen custe, así como información científica e transparencia que permita afrontar a situación con tranquilidade. Neste sentido alertou do problema que supón a “falla de seguridade, de información e as mentiras”, que xeran pánico na poboación civil.

O candidato socialista pediu unha campaña de difusión e apoio á promoción da calidade dos produtos pesqueiros e marisqueiros, na liña que tomou dende o primeiro momento o ministro de Agricultura e Pesca do goberno central. Finalmente, reclamou “información clara sobre os procedementos de reclamación penais e civís” sobre os gastos e os danos que se produzan derivados da chegada de pélets ás costas.

Reclamacións dos alcaldes e alcaldesas

Besteiro recolleu as propostas e as reclamacións dos alcaldes e alcaldesas afectados, que están a denunciar a “descoordinación” por parte da Xunta de Galicia, así como a “falta de información constante e diaria”, e a “falta de efectivos dende o primeiro momento”. Criticou que a “falla de liderado” da Xunta tense traducido sobre o terreo en deixar aos concellos solos e “coa única responsabilidade de afrontar a contaminación medioambiental”.

Advertiu que o retraso “lamentable” na reposta a esta crise débese “unicamente á mala xestión da Xunta”, a pesares da “colaboración total por parte dos concellos e do Estado”, que ten despregado unha actuación “contundente” poñendo en marcha os seus medios e recursos. Salientou a importancia de que “sumemos todos na mesma dirección”, na crise provocada polo afundimento do contedor dun cargueiro fronte ás costas de Portugal.