Skip to main content
Foz

O Noso Foz e o Concello presentaron as actividades para o Entroido 2024

Por 18 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A asociación O Noso Foz e o Concello de Foz presentaron as actividades para o Entroido 2024. O programa comeza coa coroación da raíña, que será o vindeiro sábado día 27 na carpa situada na rúa Atalaia, na que a raíña saínte, Uxía Valmayor Forés entregará a coroa a Carlota Fernández del Riego. “Estamos cos últimos preparativos, relativos á colocación e decoracións definitivas”, explicou Fátima Novo, presidenta de O Noso Foz. “É moi importante para nos que se coiden os detalles e sobre todo que os asistentes desfruten moito e se atopen a gusto”, indicou Inés López, concelleira de Cultura.

Sendo o primeiro ano como Festa de Interese Turístico, Foz prepara con mimo todas as actividades “tentamos que todo saia da mellor maneira, os grupos están traballando moito en facer uns traxes incribles e a organización estase esforzando en que todos os eventos sexan o mellor”, comentou Fran Cajoto, alcalde de Foz.

O cartel de actividades despois da coroación continúa no mes de febreiro. O primeiro acto é a inauguración da exposición que sempre corre a cargo dos pregoeiros, que este ano será a Peña Ñasss, e que terá lugar o día 8 de febreiro ás 20.00 horas no Cenima, seguida da cea de comadres, organizada por Afammer e pola Asociación de Amas de Casa. Os tíckets estarán a disposición nos locais de ambas asociacións a partir do 22 de xaneiro. O venres 9 de febreiro é día de coplas e pregón na carpa da rúa Atalaia a partir das 20.00 horas.

O día grande chegará o sábado 10 ás 17.00 horas coa saída do gran desfile, para o que xa están abertas as inscricións, que poderán facerse ata o día 9 ás 14.00 horas na Delegación de Cultura do Concello de Foz ou chamando ao teléfono 982.140027 ext. 3. Os que se inscriban antes das 14.00 horas do venres 2 de febreiro poderán participar no sorteo de postos que se realizará o luns 5 de febreiro.

O concelleiro de Festas, Angel Fernández, dixo que “este ano volveremos a contar co graderío do porto, as entradas poderán adquirirse na oficina de turismo, situada no Cenima, a partir do 29 de xaneiro en horario de 9 a 14 horas”. O desfile rematará coa entrega de premios á 1.30 horas na carpa da rúa Atalaia, na que a partir das 22.00 horas se abrirán as billeteiras e na que actuarán as orquestras Saudade e Waykas.

O domingo 11 será a quenda do baile infantil, na mesma carpa da rúa Atalaia, a partir das 17.00 horas e no que se entregarán os premios do desfile ás 19.30 horas. A continuación, no salón de actos do Colexio Martínez Otero ás 20.30 horas desenvolverase o coñecido Touporroutou.

O luns 12 terá lugar o do Baile do Farolillo, “é un día para desfrutar do Entroido máis puro, no que os grupos e peñas fan o plan e representan a persoas coñecidas tanto do pobo como famosas ou episodios graciosos”, indicou o edil de Festas. O Baile do Farolillo será a partir das 23.00 horas coa orquestra Gran Parada e o dj Marcos Peón.

O martes 13 será o día do neno, con festa para os máis pequenos a partir das 17.00 horas na carpa da rúa Atalaia. O Entroido de Foz despedirase con enorme pesar, coa queima do Entroido prevista para o venres 16, cun cortexo fúnebre que sairá do Campo da Cabana e rematará na carpa da rúa Atalaia coa queima.

Fran Cajoto, o alcalde, engadiu que “a estes eventos uniranse sorpresas que se irán desvelando ao longo dos seguintes días e que farán desta edición do Entroido, unha edición moi especial, como debe ser a primeira despois do nomeamento do mesmo como Festa de Interese Turísitico Galego”.