Skip to main content
Foz

O vindeiro Pleno de Foz tratará a licitación da cafetería do Centro Social e o Estudo de Viabilidade Económica do contrato da auga

Por 18 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O Concello de Foz tratará no Pleno da corporación municipal que se celebrará o 25 deste mes a licitación da cafetería do Centro Social e o Estudio de Viabilidade Económica do contrato da auga. Este xoves, día 18, será a Comisión de Asuntos Preparatorios para esa sesión plenaria.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “Foz continúa co traballo administrativo. Os orzamentos do ano 2024, aprobados no pleno ordinario do mes de novembro, están xa en vigor desde comezos de ano. No pleno deste mes debaterase a aprobación do expediente de licitación do contrato do servizo de cafetería do Bar Náutico, situado no Centro Social”.

O rexedor municipal destaca a importancia do expediente: “durante a pasada lexislatura vimos a importancia de recuperar para os nosos maiores o Bar Náutico, un auténtico punto de encontro social que fora suprimido. O primeiro paso foi crear para a gran labor social da Asociación Virxe do Carme un entorno axeitado, fito que cumprimos coa inauguración no mes de xaneiro do ano 2023 dun novo local no peirao despois dunha inversión de máis de 61.000 euros. O acondicionamento do café bar Náutico do Centro Social, no que se investiron máis de 76.000 euros, supuxo a transformación do antigo local nun espazo aberto ao mar e adaptado ás persoas con mobilidade reducida”.

O alcalde engade: “o Concello fixa un horario de apertura mínimo para a cafetería desde as 9 da mañá ás 9 da noite de luns a domingo. Rematados os trámites as persoas interesadas deberán presentar a súa mellor oferta económica, tendo en conta que os maiores de 65 anos teñen uns prezos máximos establecidos”.

Outro punto fundamental para o Concello que se tratará no pleno de xaneiro é o estudo de viabilidade económica para a concesión do servizo de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración de augas residuais do Concello de Foz, que actualmente xestiona a empresa Gestagua. Fran Cajoto explica: “temos a obriga de licitar un contrato caducado e obsoleto, para avanzar nunha mellor xestión de algo tan importante como é a auga. Neste estudo contémplase un investimento de 1,2 millóns de euros, co obxectivo de mellorar as plantas potabilizadoras de Fazouro e Cordido e anticiparnos a problemas como os acontecidos este pasado verán. Ademais inclúese un canon inicial que deberá aportar a nova concesionaria, de 1,1 millóns de euros, para melloras da rede e outras actuacións; e un canon variable, sobre o que se poderá ofertar na fase de concurso. O obxectivo é investir para ter unha auga da máxima calidade e renovar unhas tubaxes que presentan demasiadas roturas. Isto unido a unha eficaz xestión das augas residuais é unha meta que debemos acadar”. Asociado a este expediente e con estes obxectivos, lévase tamén a pleno a modificación da ordenanza reguladora dos prezos públicos municipais correspondentes á subministración de auga potable, rede de saneamento e depuración.

Outros  prezos públicos que se tratarán nesta sesión son os da Escola de Música e das Escolas Deportivas Municipais, que quedaron pendentes do anterior pleno.