Skip to main content
Cultura AMARIÑAXALourenzá

José Manuel López, da AC Banda de Música de Lourenzá: “O único apoio que temos é un local para ensaiar e dar clase”

Por 21 Xaneiro, 2024Xaneiro 22nd, 2024Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Cando e como nace a Asociación Cultural Banda de Música de Lourenzá?

Pois a Asociación nace de unha idea que xurdiu no confinamento, cando non podíamos tocar nin traballar comezamos a pensar na casa (a miña muller é parte da directiva e músico da banda) que estaría moi ben ter algo deste tipo para que os músicos da vila nos puidésemos xuntar para tocar todos xuntos xa que o único que había era unha asociación de música tradicional na que instrumentos como os metais ou as madeiras non teñen lugar.

Con que motivación xorde?

Realmente un pouco o que dixen antes, que a xente que queira poida aprender a tocar un instrumento que non sexa Gaita ou Tamboril e que teñan un lugar onde poder desenrolar a súa música.

Que obxectivos ten?

Obxectivos moitos, pero creo que os principais son que a cultura do noso pobo non sexa reducida a un pequeno tipo de música e que se poida gozar de outras cousas que só unha banda de música pode ofrecer, tamén que quen queira acade unha formación musical axeitada e de calidade dentro das nosas posibilidades, que os nenos poidan acceder a algo que se pensa que é unha actividade de “ricos” xa que o custo dos instrumentos e do material é elevado e por último, como non podería ser doutra maneira, que o nome do noso pobo se coñeza máis aló da nosa comarca xa que fomos tocar a lugares que nin coñecían a existencia da nosa vila e moito menos o que podía ofrecer, iso para nós pódese dicir que son os obxectivos máis importantes.

Cantos membros teñen?

A día de hoxe, entre directivos, colaboradores na escola, alumnos, pais e músicos das agrupacións somos arredor de 50 persoas, non sempre estamos todos e algunha vez convidamos a compañeiros e coñecidos a que nos veñan botar unha man en ocasións importantes, como fan todas as agrupacións evidentemente, pero esperamos que nun futuro próximo se anime moita máis xente e se unan a nos.

Como é o traballo como director dunha Banda?

Traballo? non, para min non é traballo, traballo significa ter unha remuneración económica e uns horarios que cumprir. No noso caso, co pouco tempo de andaina que ten a nosa banda e co presuposto que se pode manexar nin por asomo se nos pasa pola cabeza pagar a un director, sería a ruína total e o tema dos horarios como somos todos coñecidos sempre intentamos poñernos de acordo, entón non, Traballo como tal non é.

Pero ben, despois desta aclaración que moita xente non o sabe, teño que dicir que estou orgulloso tanto dos meus alumnos como dos músicos que forman parte da Banda de música, o traballo realmente fano eles, estudando as cancións e dedicando tempo ó seu instrumento para mellorar e poder chegar a tocar todo o repertorio que na maioría dos casos eles mesmos me piden, eu simplemente intento que respecten as partituras e a música o máximo posible e intento manter algo de orde nos ensaios xa que sendo moitos se todos fan o que queren sería un caos e ben, o que si que intento é axustalos tocando o máximo posible xa que si varios tocan o mesmo non pode parecer que toquen cousas distintas, pero o dito, o traballo máis grande é propio dos músicos.

“O nacemento da Pituband era necesario, xa que os nenos e pequenos artistas que se comezan a formar na escola tamén queren saír a tocar”

De onde vén o seu amor pola música?

Sen lugar a dúbidas teño que dicir que de familia, meu bisavó paterno era artesán de gaitas nunha pequena aldea do Concello de Friol, meu bisavó materno facía frautas de prata, meu avó paterno foi un saxofonista moi coñecido das orquestras lucenses dos anos 60 e 70, miña nai era baixista e cantante de orquestra e meu pai foi músico militar durante 30 anos e  aínda a día de hoxe é músico da orquestra Trébol. Adóitame contar miña nai que cando nacín meu pai aínda estaba acabando o conservatorio e xa traballaba entón as súas horas de estudo eran moi limitadas e chegou o punto no que para que eu me durmira polas noites tiña que estar meu pai tocando, se non era un problema de choro continuo.

Da man da banda, naceu a Pituband, con que motivación?

O nacemento da Pituband era necesario, xa que os nenos e pequenos artistas que se comezan a formar na escola tamén queren saír a tocar e moitas veces non son capaces de interpretar as obras e cancións que se tocan como din eles “na banda dos maiores”, entón cando conseguimos xuntar un número suficiente destes pequenos ou novatos artistas naceu a Pituband, que a día de hoxe está formada por máis de 10 nenos e nenas menores de 18 anos (máximo de idade para este tipo de formacións) e que traballan arreo para poder comezar na banda dos maiores canto antes, de feito xa hai algún que vai con eles.

Aos nenos gústalles formar parte?

Pois habería que preguntarlles un a un, pero está claro que se non lles gustara formar parte non existiría, entón eu case me decanto por dicir que si, e a realidade que se ve nos ensaios semana tras semana son caras de alegría, esforzo e comentarios dos pais dicindo encantados que os nenos están desexando que chegue o día para ir co seu instrumento a tocar todos xuntos.

Que proxectos de futuro teñen pensados durante o ano 2024?

O máis salientable que se pode dicir do 2024 é que se está a organizar unha viaxe en Marzo a terras do sur de España, en concreto xa hai cerrados contratos con Irmandades de Ceuta e Córdoba, para participar nas procesións de Semana Santa, estamos valorando a posibilidade de participar por 3º ano consecutivo no Certame Galego de Bandas, no cal este ano acadamos o segundo premio na nosa categoría, e tamén barallando opcións de participar noutros certames fora da nosa comunidade.

Participaron en varios festivais, algún que lembre especialmente?

Si, o festival que máis recordo e que o utilizo como exemplo miles de veces foi o Certame Galego de Bandas de música do 2022 en Celanova, éramos a banda máis moderna da historia da Federación galega de bandas e sen lugar a dúbidas foi unha experiencia moi bonita para todos e serviu para aprender que o que algo quere algo lle costa.

Teñen apoio institucional ou dalgunha entidade?

O único apoio que temos é un local no que o Concello de Lourenzá nos deixa ensaiar e “dar clase”, intentouse ter algo de apoio económico pero conseguiuse os dous primeiros anos por medio dunha subvención á cal optan todas as asociacións do Concello e que ben, foi diminuíndo de cantidade no momento que máis asociacións se foron presentando a ela ata chegar ó punto no que dita subvención daba máis traballo para solicitala e supoñía máis custo do que realmente axudaba entón este ano pasado xa non se optou a ela.

Que lle piden ao Goberno local?

Ó goberno local pedímoslle que se impliquen, sempre dentro das súas posibilidades e entendendo que non somos a única asociación do Concello e que todos temos o noso lugar, pero tamén facéndolles saber que cada ano que pasa somos máis, imos a máis sitios e que necesitamos urxentemente que se decidan a axudarnos en condicións, tanto economicamente como organizativamente para poder seguir desenrolando as nosas actividades e non ter que chegar a un punto de que os socios corran única e exclusivamente cos gastos derivados delas xa que iso suporía a desaparición.