Skip to main content
Ribadeo

O alcalde de Ribadeo reuniuse cos veciños para escoitar opinións e propostas do Centro de Saúde

Por 3 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O alcalde, Dani Vega, aposta polo traballo conxunto entre administracións para ter un novo centro de saúde en Ribadeo. E subliña que o equipo de Goberno está a escoitar todas as opinións sobre esta importante infraestrutura.

O rexedor sinalou: “debemos escoitar todas as opinións e todas as propostas. Nisto é no que está o goberno municipal, o Concello de Ribadeo, sobre distintos temas municipais que nos preocupan, que debemos mellorar e polo tanto o centro de saúde é unha cuestión prioritaria para Ribadeo”.

Vega contou que “nosoutros reunímonos con Modepen para escoitar as súas propostas, recoller as súas opinións e así mellorar entre todos, co máximo respecto, coa máxima lealdade e tamén cun obxectivo claro: mellorar o centro de saúde, mellorar tamén a atención neste centro de saúde actual, ter máis servizos sanitarios e loitar todos por un novo centro de saúde que vai traer de forma rápida e directa novos servizos sanitarios a Ribadeo”.

O alcalde subliñou que “o obxectivo é mellorar a sanidade pública e todos debemos traballar conxuntamente. Eu agradezo profundamente a Modepen que tivesen esta xuntanza con nós, comigo e cos concelleiros delegados, e tamén ter esa reunión coa Xunta de Galicia. Eu expliqueilles cal foi a decisión, na pasada lexislatura o goberno municipal propuxo este terreo, todo o pleno aprobou esa localización e entendemos que era a mellor opción. Había outras, pero non cumpren coa normativa urbanística”.

Daniel Vega indicou que “non podiamos perder o tempo, nosoutros desde a oposición tamén criamos que había outras opcións e cando chegamos ao goberno municipal os técnicos municipais explicáronnos que eran boas propostas, pero que non collía o edificio do centro de saúde, que non collía o 061 para telo alí de forma conxunta e que o obxectivo da Xunta era telo cerca das infraestruturas, é dicir das estradas que conecten rápido coa autovía para así reducir ese tempo vital para chegar ao Hospital da Mariña”.

Para o rexedor ribadense “son criterios técnicos, razoables, que lle expliquei a esta asociación, pero tamén lles dixen que os técnicos municipais explican isto e tamén queremos que veña a Xunta de Galicia e vos explique. Nestes momentos xa están chegando os informes preceptivos, que de forma rápida cando chegamos ao goberno nos puxemos a traballar, e teñen de fecha límite para chegar todos ata o 21 de xaneiro e a partires de aí xa faremos a modificación provisional do Plan Xeral para poder construír o centro de saúde”.

Daniel Vega dixo que “estamos dando pasos rápidos nestes poucos meses de goberno, estamos traballando de forma conxunta coa Xunta de Galicia e tamén imos ter unha xuntanza co conselleiro para ir avanzando na mellora dos servizos sanitarios. Un traballo conxunto, entre todos, que respectamos a Modepen, que escoitamos as súas propostas neste caso e noutras moitas máis materias que son de interese para Ribadeo. Entre todos estamos a facer un traballo necesario para mellorar a sanidade pública de Ribadeo, que é o obxectivo de todos”.