Skip to main content
Ribadeo

A Casa El Viejo Pancho acolle a exposición ‘Chicas nuevas 24 horas’

Por 11 Xaneiro, 2024Xaneiro 12th, 2024Sin comentarios

A Casa El Viejo Pancho acolle ata o 22 de xaneiro a exposición Chicas nuevas 24 horas, destinada a sensibilizar sobre a trata de persoas con fins de explotación sexual.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, contou que “ata o 22 de xaneiro a Casa El Viejo Pancho acolle a exposición Chicas nuevas 24 horas, unha actividade que chega a Ribadeo pola colaboración do Concello e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia”.

A edil ribadense explicou que “se trata dunha experiencia transformadora, destinada a sensibilizar sobre a crúa realidade da trata de persoas con fins de explotación sexual. Esta exposición convídanos a mirar de fronte unha problemática que persiste nas sombras da nosa sociedade. Estas imaxes, coidadosamente seleccionadas pola directora Mabel Lozano e polo comisario Juan Nicolás, poñen de manifesto a desgarradora realidade dun negocio lucrativo, que xera máis de 32.000 millóns de dólares ao ano”.

Sanjurjo subliñou que “transcende ás palabras. Visitar a mostra é un acto concreto cara a concienciación e a prevención da trata de persoas”.

A concelleira de Cultura sinalou que “a exposición será complementada con actividades didácticas para os centros de ensino: CIFP Porta da Auga, IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e colexio Sagrado Corazón, dentro do programa O Concello cos Coles. A actividade está dividida en tres partes: visita didáctica, visionado dun documental e taller”.

E engadiu que “o documental tamén o poderá ver o público xeral o 19 de xaneiro ás 20.00 horas. Para asistir é preciso comunicalo no teléfono 982 120 739”.

O horario de visita á exposición é polas mañás de 11 a 13 horas e os mércores 10, o martes 16 e o mércores 17 tamén polas tarde de 16 a 19 horas.