Skip to main content
Ribadeo

Dani Vega pídelle á Xunta unha subvención de 164.000 euros para mellorar a rede de camiños municipais

O Concello de Ribadeo solicita unha subvención de 164.000 euros á Xunta para mellorar a rede de camiños municipais, segundo deu a coñecer o alcalde, Dani Vega, que estaba falta de inversión.

O rexedor manifestou que “desde o Concello de Ribadeo seguimos xestionando orzamento para mellorar a nosa rede municipal de camiños. Un concello que ten unha concentración parcelaria, como outros en Galicia, activa e iso tense que transformar en orzamento para mellorar os camiños municipais, ese rede tan extensa que temos en Ribadeo”.

Vega explicou que “estamos activando distintos plans, como o Plan Único da Deputación, á que lle agradecemos a colaboración, pero tamén un plan de camiños no que estamos traballando profundamente”.

O alcalde subliñou que “quixemos empezar poñendo en valor os concellos, neste caso o de Ribadeo, onde temos esas concentracións parcelarias activas e precisamos mellorar os nosos camiños. Preto de 164.000 euros foi o orzamento que solicitamos á Xunta de Galicia para arranxar os camiños nas nosas parroquias e así paulatinamente ir mellorando eses vieiros municipais, que están faltos de inversión”.

Para Dani Vega “nesa colaboración institucional, traballando de forma conxunta, entrando nos distintos plans e subvencións que ten a Xunta de Galicia, que debemos aproveitar para seguir avanzando e mellorando na rede de infraestruturas municipais e noutras materias”.

O rexedor indicou que “se trata dunha subvención fundamental e moi importante que quixemos solicitar e así arranxar quilómetros de camiños municipais faltos de inversión. Demandamos transformar a nosa rede de estradas con orzamento, é así como se resolven as cousas cunha estratexia, cunha planificación e con esa colaboración institucional”, concluíu.