Skip to main content
Antas de Ulla

Asinado un convenio para a recuperación do coello de monte en Antas de Ulla

Por 2 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Sociedade de Cazadores de Santa Mariña, José Manuel Blanco Cordido, veñen de asinar este martes no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para reformar un criadeiro de coellos de monte polo que aposta esta entidade de Antas de Ulla, e contribuír así a recuperar a poboación dunha especie autóctona que cada vez ten menos presenza nos montes galegos.

O importe achegado pola institución provincial ascende a 3.600 euros para mellorar a finca. Os labores inclúen realizar un piso formigonado e unha cuberta con panel sándwich, que illará o lugar das inclemencias meteorolóxicas e permitirá facer unha desinfección e limpeza do lugar máis áxil e eficiente. Explican dende a sociedade que esta reforma das instalacións redundará nunha mellora para o benestar animal.

O colectivo quere implantar unha nova forma de cría engaiolada, coa que comezarán con 20 coellas nais, que se suman aos máis de 100 coellos que agora mesmo xa ten este colectivo en semiliberdade. Desta maneira, queren levar un control exhaustivo da especie, tanto do seu desenvolvemento como para previr e tratar enfermidades.

A finca, que ten dúas hectáreas, atópase no polígono de Antas de Ulla e pertence ao Concello, pero está cedida á Sociedade Santa Mariña para o seu uso. A entidade traballa co obxectivo tamén de divulgar especies autóctonas coma esta entre a xente nova, polo que abrirán este criadeiro a visitas de escolares cando estea rematado.

Esta colaboración da Deputación de Lugo responde ao compromiso de cooperación da institución provincial co tecido asociativo da provincia para a dinamización social e económica, e contribuír así a fixar poboación no rural.