Skip to main content
Cervantes

O PP di que “a Deputación dirixe 900.000 euros a unha Fundación en Cervantes controlada polo presidente da CHMS”

Por 5 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Segundo o grupo popular na Deputación de Lugo o goberno da Deputación “dirixe 900.000 euros á Fundación Xosé Soto de Fión controlada polo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e cargo socialista a través dun convenio co Concello de Cervantes para a compra do castelo de Doiras”.

“O goberno provincial di que non ten diñeiro para arranxar as estradas da súa competencia ou, incluso, para abrir as residencias ás que eles mesmos se comprometeron; pero si para pagar un pelotazo inmobiliario dunha Fundación dun cargo do PSOE”, segundo manifesta o portavoz do Grupo Provincial do PP, Antonio Ameijide, que visitou as inmediacións xunto á viceportavoz, Carmen José López, e o deputado Jesús Núñez.

Ante este importante investimento por parte do goberno presidido por José Tomé, o Grupo Popular quere saber cal é a finalidade para a que foi adquirido este ben. Os populares defenden a implantación de proxectos na provincia e na Montaña, pero “tamén cremos que se debe aclarar aos lucenses o que se vai facer con este inmoble”. Especialmente tendo en conta que “o seu uso por parte do Concello de Cervantes só está condicionado cinco anos dende a finalización do convenio, polo que non está garantido o que se vai a facer con el posteriormente”.

“A realidade é que o goberno provincial ten abandonado o patrimonio da Deputación de Lugo, pero inviste case un millón de euros na compra dun inmoble que subiu o seu valor de forma exponencial dende que foi adquirido pola Fundación no 2001 -cando manifestaba que investira 420.000 euros entre a compra do castelo e a rehabilitación do ecomuseo de Arxeriz, tamén da súa propiedade- ata agora -cando está previsto pagar 960.000 euros- sen saber a que se vai destinar”.

MÁIS DE 400.000 EUROS NOS ÚLTIMOS ANOS

Os populares engaden, ademais que “o goberno provincial ten dirixido xa á Fundación Xosé Soto de Fión 95.000 euros para conservación e mellora do castelo de Doiras nos anos 2020 e 2021” e, previamente, no 2012 fóralle concedida outra subvención excepcional de 33.0000 euros con fins semellantes que, finalmente, a Fundación dirixiu ao ecomuseo de Arxeriz”. Entre as achegas para o castelo de Doiras e o ecomuseo e castro de Arxeriz, o goberno provincial dirixiu máis de 400.000 euros nos últimos anos a esta Fundación vinculada a un cargo socialista.

Polo tanto, “preguntámonos se esta operación é para pagar favores políticos ou intentar calmar as augas por orde do candidato á Xunta de Galicia entre as distintas familias que se teñen manifestado en numerosas ocasións dentro do PSdeG”, expón Ameijide. Nese sentido, subliña que “xa o tiñamos claro pero a campaña do PSOE estanos saíndo moi cara a esta Deputación”.