Skip to main content
Cervantes

O PP pide ao Goberno provincial revise o prezo de adquisición do Castelo de Doiras

Por 26 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A adquisición do Castelo de Doiras por parte da Deputación de Lugo xerou numerosas críticas en toda a sociedade despois de que o Grupo Provincial Popular destapase este “pelotazo inmobiliario” que o presidente Tomé pretendía realizar para dar un beneficio de 690.000 euros a unha fundación controlada por un alto cargo socialista a nivel galego.

Unha situación “que non se pode permitir” polo que dende o Grupo Provincial Popular se defenderá no pleno do martes unha iniciativa para instar ao goberno provincial a iniciar os trámites oportunos para para lizar a compra e revisar o prezo de adquisición deste inmoble que figura no convenio de colaboración asinado co Concello de Cervantes para a adquisición do Castelo fortaleza no lugar de Doiras. “Damos a Tomé unha oportunidade de recapacitar para frear este pelotazo inmobiliario”.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, afirma que se trata “da primeira e única oportunidade” que daremos a Tomé para que recapacite e revise este convenio xa que, segundo diversas fontes xurídicas consultadas, detrás desta operación inmobiliaria podería haber numerosas lagoas e o único obxectivo que aprecia é dar un beneficio millonario “nunha operación feita ás agochadas, ás presas e correndo”.

Neste senso, Ameijide afirma que “fiscalizaremos ata a última coma” de cada documento deste pelotazo inmobiliario xestado en solo cinco semanas.

O popular recorda que tras recibir a solicitude do Concello de Cervantes para a sinatura dun convenio de colaboración para a compra do Castelo de Doiras o 16 e o 20 de novembro de 2023, a Deputación de Lugo aprobou e asinou o convenio o 29 de decembro. “O goberno provincial tramitou o expediente en cinco semanas en base a dous informes de taxación de parte que difiren entre si e unha memoria que non xustifica o interese económico para o municipio nin a viabilidade da operación”, afirmou.

A realidade é que os informes periciais son claramente informes de parte “e carecen da obxectividade, imparcialidade e transparencia que debe ter toda valoración de bens adquiridos por administracións públicas”.

O informe solicitado pola Deputación Provincial a unha empresa externa de valoracións, fixa o seu valor en catro veces máis do prezo de adquisición por parte da Fundación, pero recoñecendo que non se visitou o inmoble, que non existe demanda deste tipo de inmobles e que teñen unha nula revalorización.

Os informes vulneran a doutrina do Tribunal Supremo – contida na Sentenza da Sala do Contencioso Administrativo de 21 de xaneiro de 2021 – que senta xurisprudencia no sentido de esixir a necesidade de inspección dos bens inmobles que son obxecto de taxación cando a administración pretenda determinar o valor dos mesmos mediante o ditame de peritos e, ademais, no sentido de esixir unha valoración pública e oficial emitida por peritos da administración cando se adquiren bens inmobles, valoración que non existe neste caso xa que nin consta o informe de valoración dos servizos técnicos da Deputación de Lugo, administración que achega o diñeiro para a adquisición do inmoble, nin consta a valoración dos servizos técnicos do Concello de Cervantes beneficiario da ampla achega da Deputación coa que se vai adquirir o inmoble.

Incluso, se a Deputación Provincial de Lugo tivera intención de cumprir coa obxectividade e transparencia necesarias para a xustificación do valor atribuído ao inmoble, deberían ter acudido aos servizos de valoración da ATRIGA, da Xunta de Galicia, organismo público que emite valoracións de inmobles que carecen de valor de referencia como no presente suposto sucede en relación co inmoble obxecto de adquisición.

INCRENMENTO PATRIMONIAL INXUSTIFICABLE

No Grupo Provincial Popular afirman que “é inxustificable” o incremento patrimonial existente no presente suposto, que representa un enriquecemento para a Fundación vendedora do inmoble de 690.000 euros.

O valor de adquisición do inmoble por parte da Fundación foi de 270.000 euros e o prezo de venda fixado en convenio no ano 2023 ascende a 960.000 euros (a Deputación achega 900.000 euros e o Concello de Cervantes 60.000 euros). Resulta inxustificable como o inmoble adquirido puido experimentar unha ganancia patrimonial de 690.000 euros a pesar de que o informe de valoración recoñece que se trata dunha clase de bens cuxo valor de demanda é nulo e que, ademais, carecen da revalorización propia que posúen outros bens inmobles.

Estes feitos evidencian a escasa preocupación da Deputación Provincial de Lugo de adquirir o inmoble polo menor valor posible o que debería ser propio dunha administración que debe rexer con eficiencia a administración dos recursos públicos que xestiona e que, neste caso, afectan a toda a provincia de Lugo.