Skip to main content
Lugo

“Agora estamos no proceso de gravación do noso segundo disco”

Por 21 Xaneiro, 2024Xaneiro 22nd, 2024Sin comentarios

Javier Pajón é o coordinador do colectivo Airiños de Orbazai

Os veciños da parroquia de Orbazai reúnense en torno a música e o baile tradicional no grupo Airiños de Orbazai, que leva máis de dez anos traballando pola recuperación e difusión desta demostración da cultura tradicional.

Como foron os comezos?

A asociación fundouse no 2010 entre varios veciños da parroquia que se xuntaron para tomar clase de baile, gaita e pandeireta, e foi xa no 2011 cando se formou o grupo de música tradicional e canto. Na parroquia de Orbazai durante o magosto, Entroido e outras citas, a asociación de veciños traballaba moito por fomentar as festas, facer a comida de veciños e sempre había un grupo pequeno de persoas que tocaban e acompañaban as festas con música. A raíz disto xuntáronse para facer na parroquia un grupo e comezar a dar clases. Comezou como unha iniciativa da xente que xa sabía tocar para ensinar a aquela xente que non sabía e a cousa foi medrando e evolucionando ata agora, cada vez había máis interese e foise consolidando o grupo.

Que tipo de actuacións realizan?

Co grupo de canto, que é o máis numeroso, o que facemos é música tradicional con mistura. Non facemos música tradicional con gaita, bombo e tamboril senón que mesturamos con acordeón, chelo, guitarras ademais claro das pandeiretas, bombo ou tamboril. Moitas das actuacións que realizamos están vinculadas ao programa da Deputación de Tradigalu que leva xa varios anos fomentando a música tradicional. Unido a isto tamén facemos intercambios entre asociacións, por exemplo nós facemos unha foliada o primeiro sábado de xuño e invitamos a diferentes asociacións e grupos e despois devolvemos a visita cando fan eles os seus festivais.

Canto hai que organizan a foliada?

A primeira organizámola en 2011, salvo o parón da pandemia, ata agora. Tivo unha moi boa acollida e co auxe da música tradicional cada día imos a máis, na última edición xuntáronse case 400 persoas para comer.

Si que notan que hai un aumento do interese na música tradicional?

Si, si, levamos uns anos a raíz da pandemia que o efecto Tanxugueiras unido a aposta que hai dende a Deputación co actual goberno pola música tradicional está facendo que esteamos a vivir un novo rexurdir e un gran interese por parte do público.

Como seleccionan o repertorio?

Por unha parte coas aportacións de Luís, o noso profesor, e Begoña, que toca o acordeón e levan toda a vida na música, e por outra chegando a un consenso.

Nos ensaios cada persoa comenta se quere facer versión dalgunha canción e Luís e Begoña fan os arranxos musicais e van adaptando as cancións aos instrumentos que hai no grupo. Facemos unha adaptación da música pero aínda non nos embarcamos na aventura das letras de creación propia.

Cando se xuntan para ensaiar?

Como grupo ensaiamos todos os martes e despois os sábados realízanse diferentes clases. Ao saír da pandemia crecemos moito e agora a maiores dos ensaios do grupo temos outro de cantareiras, un de pasarrúas e damos clase de baile tradicional, gaita e percusión.

Na actualidade contamos con máis de noventa alumnos onde a persoa máis pequena que temos é un rapaz de catro anos que empezou este curso en pandeireta e baile e o máis maior ten oitenta e dous anos.

Que é o que máis desfrutan?

Todo, temos moi bo ambiente entre todos, non é que sexamos grandes músicos pero sempre o intentamos pasar ben. Ademais da foliada facemos varias comidas e ceas ao ano, xuntámonos e pasámolo moi ben tocando e cantando xuntos.

Que proxectos teñen para o futuro?

Pois agora mesmo estamos no proceso de gravación do segundo disco, sacamos un no 2016 e estamos gravando de novo. Decidimos parar durante novembro, decembro e xaneiro coas actuacións e aproveitar as fins de semana no estudio de gravación. Xuntar tanta xente é complicado entón traballamos por etapas e en grupos máis reducidos, é un proceso lento pero esperemos que seguro.

Para cando estará o disco?

En xaneiro remataremos a gravación e contamos que estea listo para antes do Entroido xa en formato físico. Gustaríanos xa de cara a primavera ter o disco para promocionarnos e que a xente poda desfrutalo.