Skip to main content
LugoMondoñedoMonforteMonterrosoSarriaXove

Seis institutos de Lugo participan nun programa de cine en igualdade

Por 7 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de publicar a resolución de centros seleccionados para participar este curso no programa Cinema con perspectiva, desenvolvido en colaboración coa asociación cultural FICBUEU.

O programa, dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO, ten como obxectivo educar na identificación e tratamento dos estereotipos sexistas presentes na narrativa do cinema e noutras formas de expresión audiovisual. Así mesmo, o alumnado participante poderá crear un produto (guión, plan de rodaxe, etc.) para pór en escena unha sinxela produción audiovisual con perspectiva de xénero.

Na provincia de Lugo, foi seleccionado o IES San Xillao da capital, así como o San Rosendo de Mondoñedo, A Gándara de Monforte, o IES de Monterroso, o Xograr Afonso Gómez de Sarria e o Illa de Sarón de Xove.

O programa desenvolverase ao longo do segundo e terceiro trimestre do curso 2023/24 e divídese en dúas actividades diferentes. A primeira delas consiste na proxección de curtametraxes con temática en igualdade de xénero, que ten como base fomentar entre o alumnado a reflexión sobre o papel da muller na sociedade, a violencia de xénero e as desigualdades. Unha vez concluída a proxección desenvolverase un coloquio que será moderado e dirixido por unha persoa experta, que tratará de estimular a capacidade reflexiva e analítica do alumnado sobre os valores e as mensaxes ocultas en materia de igualdade presentes nas filmacións.

A segunda actividade é un obradoiro educativo para a creación dunha sinxela produción audiovisual. En cada centro educativo participante desenvolverase unha produción audiovisual con temática en igualdade de xénero, sexa curtametraxe, anuncio publicitario, vídeo musical, ou entrevista, entre outros formato. O argumento e a posta en escena reflectirán contidos sobre o significado da igualdade e a equidade entre mulleres e homes, os estereotipos e os roles de xénero, ou o empoderamento da muller, desde unha perspectiva didáctica que permita comprender ao alumnado a realidade desta situación desde o enfoque dun proceso social en construción e de cambio positivo.

A iniciativa enmárcase na Estratexia Galega de Convivencia Escolar, que contempla como un dos seus principios a consecución efectiva da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes e na igualdade de trato e non discriminación as persoas en función da súa condición sexual.