Skip to main content
Lugo

Lara Méndez confirma a súa dimisión para acompañar a Besteiro na candidatura á Xunta

Por 8 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Non indicou quen a sucederá no cargo, que será elixido polo partido nunha reunión.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, confirmou nunha conferencia de prensa esta tarde que dimitará do seu cargo, tal e como avanzaron os comentarios durante a mañá, para presentarse como número 2 da lista socialista de José Ramón Gómez Besteiro, nun proxecto que cualificou de “moi necesario”.

“Son moitos anos vendo como as políticas do Partido Popular na Xunta de Galicia prexudican moito á nosa cidade e tamén a Galicia. Neste anos non temos avanzado nada, no hai directrices desde a Xunta que axuden ao desenvolvemento de Lugo. Trátase dun goberno cortoplacista, con moitas eivas”.

A alcaldesa asegurou que o PSOE “leva o mellor candidato, que vai dar o mellor de si mesmo” e quere sumarse ao proxecto para axudar a Lugo.

“Creo na vitoria do proxecto de José Ramón e creo no proxecto para transformar a nosa comunidade autónoma. Lugo ten que ser unha cidade de oportunidades e Galicia tamén”, engadiu. “Lugo ten un modelo de cidade claro e consistente e José Ramón entende e vai apoiar”.

A alcaldesa, que se emocionou cando lembrou os nove anos que leva á fronte da Alcaldía “priorizando a cidade por riba de todo, incluso da familia”, mostrou o seu apoio incondicional a Besteiro e destacou o traballo dos seus compañeiros de Corporación “para seguir intentando desbloquear eses grandes proxectos que necesita a cidade e sobre todo para poder conseguir máis proxectos de futuro”.

Lara Méndez deixará a Alcaldía nos próximos días, antes do 15, pero asegurou que “mantén o compromiso e o manterá sempre”.

Non avanzou quen a sucederá na Alcaldía pero afirmou que seguirá a Corporación actual, á que se suma Ángeles Novo.”Temos un equipo moi cohesionado e preparado, que defende un modelo de cidade referente a nivel internacional e á vangarda”, dixo e asegurou que o sucesor ou sucesora será elixido por un comité estes días.

Lara Méndez avanzou que xa falou cos socios de Goberno e “hai un acordo programático polo que o pacto segue adiante”.

Á espera dos prazos administrativos, a cidade quedaría gobernada de forma interina polo nacionalista Rubén Arroxo, xa que Méndez, para incorporarse á candidatura, deberá abandonar a Alcaldía de forma inmediata, aínda que podería manter a acta de concelleira.

Lara Méndez é a alcaldesa de Lugo desde o ano 2019, cando recibiu o bastón de mando de mans de José López Orozco.