Skip to main content
Lugo

Candia di que Méndez deixa unha cidade caótica e empobrecida

Por 9 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Para os populares esta decisión confirma que “a continua confrontación de Méndez contra a Xunta obedecía a unha estratexia que tiña un fin electoral que era preparar a súa candidatura; unha estratexia de confrontación que tamén aplicaba con aquelas entidades que cuestionaban ou non aplaudían a súa acción de goberno”.

A voceira popular, Elena Candia, lamenta que ata o último minuto a alcaldesa siga instaurada na actitude de faltar a verdade de forma continua “unha actitude que utiliza para intentar converter mentiras en verdades cando a realidade é que a Xunta é a única administración que fixo os grandes investimentos en Lugo e foi a alcaldesa a que puxo trabas ou non deixou facer as obras”.

Candia explicou que Lara Méndez torpedeou constante os proxectos de rehabilitación no barrio da Tinería. “O último exemplo da obstaculización é que dende agosto o IGVS está pendente de que respondan a un requerimento para intervir en 2 inmobles da Rúa Catedral (18-22). O concello ten que revisar o proxecto e determinar o nivel de intervención arqueolóxica”.

Indica Candia que a Rolda Leste foi sempre un ariete que se utilizou contra a Xunta de forma permanente ata cando tivo orzamento suficiente. “Nese momento foi a primeira en opoñerse a súa construción”.

“Os lucenses tamén seguimos esperando que o concello entregue a parcela que necesita a administración autonómica para a construción do centro de saúde do Sagrado Corazón. Dende novembro de 2021 a alcaldesa tiña unha carta da Xunta solicitando espazo para a súa construción. Non foi quen de entregar unha parcela para construción de vivenda pública. Lembrar o acordo ao que se chegou para non facelas no barrio do Castiñeiro asumindo o compromiso de poñer á disposición da xunta outros terreos para este fin”, engadiu.

Lembrou que no Plan Paradai no ano 2015 a Xunta puxo en servizo a ponte, cun investimento de 10 millóns de euros. “Dende aquela, dende a administración autonómica, de maneira constante e reiterada, manifestouse a vontade de seguir desenvolvendo este plan, buscando solucións coordinadas co concello que respectasen o Plan Xeral. En 2020 a alcaldesa asina convenio CHMS, convenio que leva aprazando a súa execución. De feito, nunha das últimas xuntas de goberno que presidiu foi para adiar o investimento consignado para o 2023 e trasladalo ao ano 2024”, di.

Candia afirmou que Méndez incumpriu un acordo que tiña co presidente da Xunta para achegar fondos para o Museo da Romanización. “A Xunta prestaba a súa colaboración para completar a porcentaxe que faltaba dando por feito que Lara Méndez conseguise dúas liñas de axuda de fondos europeos, unha denegóuselle e a outra desistiu”.

Culpou tamén da confrontación pola execución da praia fluvial ao bloqueo permanente de Méndez “aínda hoxe está máis pendente de ir aos tribunais para impugnar un informe da Xunta de Galicia que ven de ratifica o Comité Científico da Unesco”.

LEGADO DECEPCIONANTE

Di que “ben por falta de motivación, ou ben por falta de capacidade” non foi quen de materializar e impulsar proxectos importantes para Lugo

“A situación económica é preocupante, dilapidaron os fondos de remanentes, deixando un concello nunha situación complicada, e por primeira vez se pedirá un crédito de 13,5 millóns de euros; tamén debido á súa mala xestión tivemos que pagar indemnizacións millonarias pola fábrica da luz e mailos custes do derrubamento do Garañón e a incerteza das indemnizacións ao promotor”, engadiu.

Referiuse tamén ao eido medio ambiental e o seu modelo sostible que dixo que é un titular baleiro “fume e sen fundamento, como así se demostra con feitos obxectivos: fixeron uns proxectos estrela (edificio Impulso Verde, Caldas); non hai nin saneamento nin abastecemento no rural; o incumprimento da lei de benestar animal cunha protectora saturada en un estado lamentable ou a corta de árbores indiscriminada no casco histórico”.

Acusou á alcaldesa de Lugo de traizoar a confianza da veciñanza xa que prometeu proxectos clave como poñer en marcha o auditorio de Magoi, un novo pavillón polideportivo “pero ningún se materializou”. Tamén culpouse de que a xestión urbana empeorou, con atrasos nas licenzas ou incumprimento do compromiso de rexenerar o barrio da Milagrosa, e “tampouco foi quen de actualizar o Plan do Recinto Histórico (Pepri)”.

Elena Candia acusouna de “construír un carril bici que complicou a comodidade e a vida da veciñanza de moitos barrios sen dar alternativas para aparcar; os atrasos nas obras do casco histórico cunhas planificación caótica que empobrece ao comercio local, o cobro por sorpresa as taxas das terrazas cando prometera que non se lles pasaría o recibo; a  negativa a colocar cámaras de seguridade en zonas sensibles do municipio ou a tramitación eterna para adherirnos ao VioGen”.

“Deixa o concello con menos persoal: afectando a servizos básicos cunha administración máis lonxe dos cidadáns, menos áxil e pouco facilitadora”, concluíu a representante popular.