Skip to main content
Lugo

O Concello executará este xoves a mellora do firme na rúa San Marcos

Por 10 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O Concello de Lugo abordará este xoves a mellora do firme prevista na rúa San Marcos. Os traballos consisten no arranxo das fochancas existentes no tramo inicial, medio e final desta vía e na sinalización horizontal dunha zona para tránsito exclusivo de peóns de máis de dous metros de ancho na marxe esquerda da calzada. A planificación contempla o nivelado da capa de rodadura con formigón rápido que será cuberto con pranchas de ferro durante un período 48 horas para garantir o seu correcto fraguado. Esta intervención ten un carácter provisional, xa que a medida que avance o proxecto Corazón Verde, unha vez eliminado o tráfico que agora asume esta vía, colocaranse losetas de nova factura que substitúan ás afectadas.

Os traballos, que implican o corte da vía no seu tramo inicial, foron planificados para que se executen entre as 21.00 e as 01.00 horas aproveitando a redución do tráfico nesta franxa horaria co obxectivo de causar as menores molestas posibles tanto ao conxunto da cidadanía como aos sectores hostaleiro e comercial. O acceso aos garaxes de San Marcos estará habilitado en todo momento. Nunha primeira fase por Bolaño Rivadeneira, ata as 22.30 horas, e posteriormente pola rúa Teatro. Así mesmo, esta rúa funcionará como entrada e saída ata Santo Domingo. Pola súa parte, o acceso ao aparcadoiro da praza do Ferrol quedará establecido por Bolaño Rivadeneira mentres dure a intervención. A Policía local regulara o tráfico en ámbalas localizacións a través dun operativo especial que contará 5 indicativos despregados de forma exclusiva a esta tarefa.

Os técnicos municipais programaron a intervención para esta semana considerando as previsións meteorolóxicas favorables e aproveitando a conclusión das festas de Nadal, para non interferir así na intensa actividade que se xerou durante esas datas na zona centro. Dende o Goberno local lémbrase que o acceso ao Centro Histórico está restrinxido ao estritamente necesario segundo o establecido, comunicado e sinalizado, con respecto á carga e descarga, residentes e traballadores/as, xunto coa utilización dos aparcadoiros soterrados, tratando de conciliar todos os usos como pode ser o traslado de mercadorías ou a entrada e saída ás vivendas e establecementos e en consonancia xa coa futura implantación da Zona de Baixas Emisións.