Skip to main content
Lugo

A Deputación adxudica os hortos urbanos do Rato

Por 15 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A Deputación de Lugo adxudicou este luns os 27 hortos urbanos que tiña dispoñibles no Paseo do Río Rato a través dun sorteo celebrado no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Desta forma, a institución provincial ten asignadas a totalidade das 150 parcelas públicas que pon a disposición da cidadanía gratuitamente nesta contorna para fomentar o lecer saudable e a agricultura ecolóxica.

Nesta quinta fase de adxudicación, os hortos –de 30 metros cadrados cada un- foron concedidos mediante sorteo ás persoas físicas ou asociacións de Lugo e de concellos limítrofes que presentaron a súa solicitude. Entre os requisitos necesarios para optar a estas parcelas, os usuarios non poden convivir con beneficiarios doutros hortos ou posuír terreos con potencialidade de ser cultivados.

As persoas ou entidades que resultaron beneficiadas poderán facer uso dos hortos de maneira gratuíta por un período de dous anos, con posibilidade de prórroga ata un máximo de catro anos. Durante ese tempo, contarán cun servizo de mantemento e de asesoría que a Deputación lles pon a disposición de balde.