Skip to main content
Lugo

Comesaña pon en valor o labor de Cruz Vermella Lugo e Abeijón a de Raiolas

Por 16 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; visitou esta mañá a unidade asistencial de drogodependencias da Cruz Vermella de Lugo, un acto no que puxo en valor o traballo e a colaboración desta asociación no tratamento dos trastornos aditivos na área sanitaria lucense.

O Servizo Galego de Saúde e a Asociación Cruz Vermella de Lugo desenvolven anualmente programas de asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e trastornos aditivos. Así, Comesaña cualificou como “peza fundamental” o traballo que desempeñan os profesionais desta asociación.

Mediante esta colaboración, achégase unha atención integral aos problemas de saúde derivados do uso de drogas, e desenvólvense programas de asistencia sanitaria especializada desde un enfoque biopsicosocial a aquelas persoas que posúen trastornos deste tipo. Unhas actividades que atenden á planificación, criterios, guías e procedementos establecidos polo Servizo Galego de Saúde en dispositivos como a unidade asistencial de drogodependencias ou a unidade de día.

Durante a visita, o conselleiro de Sanidade estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz; e a xefa territorial de Sanidade, Begoña Seco.

Unidade Asistencia de Drogodependencias en Lugo

A Cruz Vermella Española en Lugo iniciou en 1990 a atención ás persoas con problemas de adiccións, xestionando a Unidade Asistencial de Drogodependentes integrada na rede asistencial da Xunta de Galicia. Así, é o recurso de referencia do sistema de atención a persoas con adiccións da zona centro da provincia de Lugo.

A intervención de carácter biopsicosocial co individuo e a súa contorna máis próxima busca dar resposta á necesidade de atención especializada a persoas con problemas de adiccións, unha actuación que se concreta en acadar o coidado e mellora da saúde das persoas con adiccións; lograr procesos de cambio persoal que posibiliten o abandono da conduta adictiva; reducir a conflitividade familiar, social, laboral, xurídica; que favoreza a inclusión e, en atender, de forma prioritaria, aos sectores máis vulnerables: pacientes cronificados, persoas en situación de exclusión social, mulleres en situación de risco, menores de idade, etc.

A atención neste centro desenvólvea un equipo multidisciplinar motivado e con experiencia no manexo dos problemas de saúde mental relacionados coas adiccións, que dá unha cobertura médica, psicolóxica e social, integral e de calidade. Neste senso, atende as persoas con adiccións a sustancias (tabaco, alcol, drogas), adicción comportamentais (ludopatía, adiccións as novas tecnoloxías), ou trastornos na conduta alimenticia (anorexia, bulimia), así como aos familiares destes pacientes como parte da intervención nos tratamentos.

RAIOLAS

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou hoxe o traballo que realiza a entidade Raiola no que é o primeiro centro de día da provincia de Lugo especializado na atención a persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). A directora xeral visitou o centro e tivo a ocasión de charlar con profesionais, usuarios e familiares.

Begoña Abeijón, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, defendeu a importancia da colaboración coas entidades sociais para achegar os servizos alí onde son necesarios. Neste sentido, apuntou que a través da liña de axudas do IRPF, apóianse diferentes programas de atención temperá, sociosanitaria e integral ás persoas con TEA que desenvolve Raiolas neste centro de día, ademais de financiarse obras de mellora das instalacións.