Skip to main content
Lugo

A EOI e os colexios Rosalía de Castro e Illa Verde promoven a aprendizaxe do chinés

Por 16 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A Escola Oficial de Idiomas (EOI) inicia hoxe unha colaboración cos Colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Rosalía de Castro e Illa Verde, en Lugo, para promover o ensino da lingua chinesa entre o alumnado.

Os tres centros da Xunta cooperan para ofertar como actividade extraescolar aos escolares de Primaria de ambos colexios unha hora semanal de chinés a cargo de Du Yang, profesor voluntario na EOI de Lugo do Centro de Ensinanza e Colaboración Internacional da Lingua Chinesa -organismo chinés dependente do Ministerio de Educación da China coñecido anteriormente como Hanban-.

O programa de introdución á lingua chinesa arranca esta tarde nas instalacións do Rosalía de Castro, coa presenza da xefa territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Sagrario Sánchez; a directora do centro, Dolores Castro; o director do CEIP Illa Verde, Carlos Vázquez; o director da Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Fernando Vázquez, e profesorado do departamento de chinés da EOI de Lugo.

As clases son gratuítas e voluntarias e permitirán aos participantes interactuar cun profesor nativo e adquirir coñecementos básicos da lingua e da cultura chinesa dun xeito lúdico.

Despois desta experiencia, o alumnado interesado podería continuar os seus estudos de chinés na propia EOI de Lugo a partir dos 14 anos para acadar unha certificación oficial, e tería a posibilidade de realizar unha proba de clasificación para matricularse nun nivel superior ao inicial (A1).

O departamento de chinés da EOI de Lugo está celebrando este curso o seu décimo aniversario, e no curso 2019-2020 desenvolveu a primeira experiencia de colaboración con centros educativos de Primaria da contorna cunha boa acollida por parte do alumnado e das familias.