Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo pendura, de xeito simbólico, a bandeira de Palestina

Por 17 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O alcalde en funcións do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado de concelleiras e concelleiros, participou esta tarde nun acto simbólico, realizado por dous veciños procedentes de Palestina que residen en Lugo, no que se pendurou a bandeira de Palestina da Casa Consistorial. Arroxo explicou que “realizamos esta acción en cumprimento co acordo do pleno de decembro, como mostra da solidariedade do concello e de toda a veciñanza de Lugo co pobo palestino, que está a pasar un momento moi difícil”.

Arroxo explicou que a bandeira foi pendurada de xeito simbólico, mais non permanecerá na fachada da Casa Consistorial debido ás restricións marcadas pola Lei de Bandeiras. “Buscaremos unha situación definitiva para a bandeira, como mostra do apoio a unha solución pacífica para o conflito en Palestina”.

Con esta medida, Lugo convértese, xunto con Girona e Málaga, nos únicos concellos de todo o estado que penduraron a bandeira de Palestina da súa casa consistorial.

Pola súa banda, o colectivo Lugo por Palestina reclama que se cumpra a integridade da moción aprobada en Pleno e quéixase de que a bandeira non quedará tal e como se prometeu.