Skip to main content
Lugo

Olalla Rodil presenta en Lugo as propostas do BNG para as persoas maiores

Por 17 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O BNG executará un programa de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal e garantirá servizos públicos “para que poidamos envellecer nas nosas casas”.

A cabeza de lista do BNG ao parlamento galego, Olalla Rodil, presentou as propostas do BNG dirixidas ás persoas maiores no eido da dependencia e da promoción da autonomía persoal. Trátase de medidas que buscan “garantir o dereito a envellecer no propio fogar coas mellores condicións de vida, achegando desde o goberno da Xunta os apoios e servizos necesarios que garantan o benestar das nosas persoas maiores”, explicou Olalla Rodil.

A candidata do BNG afirmou que a poboación galega é unha das poboacións máis lonxevas do mundo, precisamos garantir a calidade de vida a todas as nosas persoas maiores“. Rodil afirmou que o BNG poñerá a disposición de todas as persoas maiores unha “rede de servizos públicos fortes” que permitan envellecer nas casas, xunto cun programa de prevención da dependencia e de promoción da autonomía persoal.

O BNG estruturará estes servizos a través do Servizo Galego do Benestar, “un sistema de xestión público, similar ao Sergas, que garanta o acceso de toda a poboación aos servizos sociais”. A proposta do BNG contempla a creación dun só ente público que xestione as residencias de maiores, os servizos de axuda no fogar e os centros para persoas con discapacidade.

Ademais, propón reformular o modelo do Servizo de Axuda no Fogar, de forma que se poida prestar este servizo ao maior número de persoas maiores en situación de dependencia garantindo criterios xerais na prestación do servizo.