Skip to main content
Lugo

Auxilia reclama de novo a posta en funcionamento do montacargas de Sindicatos

Por 18 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A entidade luguesa acusa o trato discriminatorio que ten para a veciñanza con problemas de mobilidade, que ten que ser atendida na rúa.

Lugo prepárase para unha nova sesión electoral, no mes de febreiro, e o montacargas do edificio sindical segue sen arranxarse e cheo de lixo. Así o denunciou unha vez máis a delegada de Auxilia Lugo, Nuria Neira, que acusa de discriminación para coas persoas sen mobilidade.

Non é a primeira vez que se realiza esta denuncia, que impide o acceso das persoas con mobilidade reducida ao edificio para realizar calquera xestión.

Cando se fixo a obra para facer accesible o edificio, estableceuse que o montacargas funcionaría con chave, que tiña o porteiro do edificio, ao que se chamaba cun timbre. Uns anos despois desapareceu a figura do porteiro e ninguén se ocupou desta función polo que o ascensor deixou de funcionar.

Durante as últimas eleccións volveu xurdir esta problemática cando tiveron que baixar as urnas á rúa para que as persoas con mobilidade reducida puideran exercer o dereito ao voto. “Agora atopámonos con que esta situación vaise producir de novo xa que haberá eleccións en breve e o problema persiste”, indica Nuria Neira.

Insiste en que este problema non é só para votar, “o peor é que se teñen que realizar algunha xestión no edificio, teñen que baixar da oficina a atendelos na rúa, un trato totalmente discriminatorio, xa que ninguén ten que escoitar o que falar ou o que necesitas tratar por non falar do feito de ser atendido na rúa”.

Recalca a representante de Auxilia que xa se enviou en agosto unha carta ao Ministerio de Economía, que é o propietario do edificio, quen asegurou en resposta automática que o problema se solucionaría á maior brevidade, “a así estamos aínda”, di.

Desde Auxilia lembran que ao no poñer en marcha este acceso, estase a incumprir o Real Decreto que obriga a que todos os edificios públicos sexan accesibles.

A queixa tamén é porque está cheo de lixo, “pero claro, iso é máis un problema de civismo da veciñanza, e entendemos que non é culpa súa pero si se puidera usar manteríase tamén en mellor estado”, afirma.