Skip to main content
Lugo

A cidadanía lucense reciclou un 40% máis de cartón e papel en 2023

Por 24 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A porcentaxe de residuos plásticos tamén se incrementou nun 19% respecto ao ano 2022 mentres que os novos sistemas de recollida de téxtil e aceite permitiron recuperar 184.790 quilos de roupa e 19.000 de derivados vexetais.

A cidadanía lucense reciclou ao longo do pasado ano un 40% máis de cartón e papel e un 19% de residuos de orixe plástica e metálica. Este grande aumento na capacidade de reciclaxe do municipio é froito do incremento dos puntos de recollida de lixo instalados polo Executivo local ao longo de 2023 dentro da súa política de conservación da contorna ambiental. O volume de papel e cartón recollido en 2023 ascende a 1.772.400 quilos. Esta cifra supón un importante incremento de máis 500 toneladas (500.800 quilos) respecto ao ano anterior. Pola súa parte, en relación aos residuos de orixe plástica e metálica, os lucenses depositaron na rede de colectores amarelos 1.365.600 quilos, 217.700 máis que no exercicio anterior.

“Estas cifras teñen unha repercusión destacable e están directamente relacionadas co desenvolvemento das iniciativas enmarcadas na actividade do servizo municipal de limpeza Luce Lugo, como o sistema de recollida porta a porta. Estamos a falar de que cada veciño e veciña achegou ao proceso de reciclaxe 18,4 quilos de papel e cartón e 14,05 quilos de plástico. Algo que nos está a permitir que unha alta porcentaxe de material entre no ciclo de reciclaxe para contar cun novo uso”, sinalou responsable de área, Miguel Fernández.

Así mesmo, o edil destacou a implicación da veciñanza nesta causa. “Os datos que manexamos nos períodos trimestrais apuntaban cara a un incremento importante que finalmente superou as expectativas previstas. Esta progresión é un motivo de satisfacción para o noso Goberno. É evidente que as iniciativas de concienciación postas en marcha dentro da nosa política de conservación da contorna incentivaron este substancial aumento do compromiso medioambiental entre a cidadanía. Hoxe somos unha cidade máis limpa e máis sustentable”, sinalou o responsable de Transición Ecolóxica.

Novas redes de reciclaxe

A este incremento na reciclaxe de papel e plástico súmase un notable aumento noutro tipo de residuos, como téxtiles ou aceite doméstico, froito das medidas implementadas ao longo de 2023 pola concellería de Transición Ecolóxica. A instalación de 75 puntos de recollida de roupa traduciuse no aproveitamento de 184.790 quilos de téxtil nos últimos 12 meses. Mentres que a extensión da rede de colectores de aceite permitiu reciclar 19.000 quilos de derivados vexetais. Deste xeito, evítase que estes residuos danen o medio ambiente e permiten darlles unha segunda vida. Algo que o responsable de área valorou de forma positiva ao tempo que convidou á veciñanza a seguir avanzado na conservación da nosa contorna. “O obxectivo é seguir incrementando estes datos en cada un dos trimestres deste ano”, concluíu.