Skip to main content
Lugo

O reitor salienta o compromiso da USC por afianzar titulacións no campus de Lugo

Por 26 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Antonio López reitera o “firme apoio” á sede universitaria luguesa e avanza a creación no Campus Terra dunha nova estrutura de investigación arredor da One Health para afondar na súa especialización en áreas relacionadas cos riscos ambientais, enfermidades emerxentes de orixe animal e alimentación, nutrición humana e seguridade alimentaria, no marco da cerimonia académica celebrada en Veterinaria.

O reitor da USC, Antonio López Díaz, salientou este venres o “total compromiso” da institución académica coa sede universitaria luguesa, así como coa cidade e coa provincia de Lugo, no marco do acto académico conmemorativo da festividade de San Tomé, patrón da Universidade, celebrada na Facultade de Veterinaria, onde reiterou a inequívoca vontade do seu equipo de goberno de defender e traballar a prol do “afianzamento da actual oferta de titulacións e polo robustecemento da estruturas de investigación no Campus de Lugo”.

Antonio López lembrou na súa intervención diante dunha nutrida representación da comunidade universitaria, así como de responsables políticos e institucionais, o firme apoio do goberno da USC ás facultades e escolas do Campus de Lugo afectadas polo proceso de redefinición da oferta docente no Sistema Universitario Galego (SUG) e que incide especialmente nalgunhas das titulacións impartidas na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. “O goberno desta Universidade nunca puxo en dúbida nin o mantemento das titulacións (Agrónomos, Forestal e Civil) no Campus de Lugo, nin a súa presencialidade”, sentenciou.

Logo de lembrar a inminente paralización deste proceso por parte da USC e as distintas actuacións xa emprendidas a prol do recoñecemento da singularidade e da defensa de titulacións esenciais no Campus de Lugo, con relación directa coa identidade da contorna e co tecido social, Antonio López tamén reiterou a súa gratitude pola activación social e das distintas institucións provinciais en favor da sede universitaria luguesa.

Datos alentadores

No contexto de incerteza, o reitor da USC presentou datos moi alentadores para o Campus de Lugo logo da implantación dos graos en Robótica, Empresa e Tecnoloxía, Bioquímica e Xestión Cultural, títulos novos que no último lustro contribuíron a incrementar un 40% o número de alumnos de primeira matricula na sede universitaria luguesa, que pasou de 640 en 2018 a 840 en 2023. E o número total de estudantes de grao medrou de 3.603 a 3.973 neses mesmos 5 anos, pasando de representar o 14,28 % do conxunto do estudantado da USC ao 15,96 %, detallou Antonio López.

Unha vez analizada a situación que afecta á dimensión da docencia universitaria, López referiuse tamén aos cometidos que deben desenvolver as institucións académicas nos ámbitos da investigación e da transferencia de coñecemento, para avanzar a inminente creación na sede universitaria luguesa dunha nova estrutura de investigación arredor da idea de One Health que actúe como paraugas para afondar na especialización do Campus Terra en ámbitos nos que xa goza dunha investigación punteira, tal e como son os riscos ambientais, as enfermidades emerxentes de orixe animal ou a alimentación, nutrición humana e seguridade alimentaria.

A creación desta nova estrutura de investigación nos próximos meses permitirá á sede universitaria luguesa, segundo indicou Antonio López, multiplicar as posibilidades de captación de recursos, tanto públicos como privados para financiar as actividades de investigación, desenvolver unha I+D cun enfoque máis transversal e interdisciplinar e garantir a competitividade nacional e internacional, ademais de mellorar os resultados da investigación e a súa transferencia ao sector produtivo.

Este novo polo de investigación no Campus Terra permitirá complementar o traballo que xa está a desenvolver o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), a cuxa actividade científica, centrada no medio rural, tanto desde a perspectiva ambiental (ordenación e desenvolvemento sustentable do territorio, Biodiversidade e Economía sustentable) como en agrosistemas (actividade agraria produtiva e sustentabilidade económica e de recursos), está vinculados na actualidade medio centenar de investigadores.

Lección maxistral

A lección maxistral Leite A2, unha oportunidade para Galicia ofrecida polo catedrático da área de Nutrición e Bromatoloxía da USC na Facultade de Veterinaria Alberto Cepeda, dá conta da potencialidade da actividade científica desenvolvida no Campus de Lugo para avanzar cara a un futuro sostible. Neste caso, o profesor Cepeda afondou sobre a diferenciación entre dous tipos de leite: A1 e A2. Este último contribúe á mellora da saúde humana, ao tempo que serve para sustentar cambios no sistema produtivo con consecuencias positivas para a rendibilidade das explotacións, ademais de para incidir na marca de calidade dos produtos de proximidade e nas bondades da Dieta Atlántica.

Ampla representación social

A cerimonia académica conmemorativa da festividade de San Tomé de Aquino congregou no auditorio da Facultade de Veterinaria unha ampla representación do equipo de goberno da USC, entre os que cabe citar a presenza do vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a secretaria Xeral da USC, Dulce García Mella, e o xerente da institución, Javier Ferreira, ademais de delegados do reitor, decanos e directores de centros universitarios e membros do

Consello Social da USC.

A presenza institucional e social no acto de San Tomé tamén foi nutrida, como o proba a presenza na sesión do Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, o tenente de Alcaldesa do Concello de Lugo, Rubén Arroxo; a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, a delegada territorial da Xunta en Lugo, así como de deputados, senadores, parlamentarios autonómicos, deputados provinciais e, entre outros, académicos e demais responsables políticos e militares.