Skip to main content
Lugo

O equipo de Goberno fai unha reunión para o seguimento do acordo

Por 29 Xaneiro, 2024Xaneiro 30th, 2024Sin comentarios

Tras o encontro, a alcaldesa Paula Alvarellos valorou o labor desenvolvido conxuntamente desde o inicio do mandato e os avances nun modelo de cidade sostible cunha proxección netamente social. O tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, afirmou que “nos últimos anos desde o Goberno de Lugo traballamos para mellorar a imaxe do centro da cidade, pero seguimos a ver como a zona da Tinería continúa a estar nun estado de total abandono”.

O equipo de Goberno mantivo esta mañá unha reunión de seguimento do acordo programático para o mandato 2023-2027 na que evaluou os avances no proxecto de cidade e expuxéronse os retos de futuro. Na xuntanza, que se desenvolveu dentro da máxima cordialidade e cun espírito colaborativo, participou a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, así como a portavoz municipal, Ana González Abelleira, e os concelleiro Miguel Fernández e Mauricio Repetto como representantes socialistas. Por parte do BNG estiveron presentes o tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, e os concelleiros Alexandre Penas e Cristina López. O documento, aprobado en xuño do pasado ano, inclúe as liñas estratéxicas do executivo para impulsar os servizos municipais e dar respostas aos grandes retos do municipio nos eidos da gobernanza, o urbanismo, o medio ambiente, as infraestruturas, a cultura, a economía, o turismo, o medio rural e o deporte, así como as políticas sociais.

Entre os asuntos abordados, tratouse o cronograma de execución dos orzamentos municipais, as necesidades de persoal ou o progreso de proxectos como a creación da Zona de Baixas Emisións no centro histórico coa peonalización integral intramurallas. Tamén se tratou a mellora das conexións entre a contorna fluvial e a trama urbana no contexto da estratexia Muramiñae, a dinamización da economía dos barrios ou o grao de implantación da iniciativa Lugo Transforma.

Durante a xuntanza, o equipo de Goberno tamén abordou as débedas históricas coa cidade. “Continuamos a esixir á Xunta de Galicia a construción de vivenda pública na cidade, a mellora dos servizos públicos como a sanidade e a educación, o cumprimento do Plan Paradai, o desbloqueo da zona pública de baño ou a rehabilitación integral do barrio da Tinería”, proseguiu Alvarellos. “Tamén seguimos a reivindicar as conexións por ferrocarril do municipio, tras o gran avance conseguido en relación a Estación Intermodal; e insistiremos en que se cumpran os prazos para mellorar as comunicacións do municipio co obxectivo de aportar competitividade ao noso tecido produtivo”, subliñou.

Finalmente, a alcaldesa Alvarellos valorou o labor desenvolvido conxuntamente desde o inicio do mandato. “Facemos un balance positivo destes primeiros oito meses de traballo. Seguimos a impulsar o modelo de cidade sostible desenvolvido nos últimos anos, poñendo en marcha actuacións cunha clara proxección social e continuamos avanzado nunha trasformación urbana que vira cara unha mobilidade alternativa e a mellora da calidade de vida coa renaturalización dos espazos públicos, ao tempo que potenciamos un modelo produtivo ligado á economía verde co obxectivo de reter e atraer talento e crear emprego de calidade”, sinalou.

Pola súa parte, o tenente de alcaldesa, Ruben Arroxo, sinalou que “mentres que desde as diferentes tenencias de Alcaldía e as concellerías traballamos para mellorar a cidade, vemos como a Xunta de Galiza segue a abandonar á veciñanza de Lugo”. Dende as áreas xestionadas polo BNG púxose como exemplo o barrio da Tinería, “un proxecto abandonado polo PP ao chegar a Xunta que foi galardoado con premios a nivel internacional cando se comezou a executar”.

Así mesmo, Arroxo afirmou que “nos últimos anos desde o Goberno de Lugo traballamos para mellorar a imaxe do centro da cidade, pero seguimos a ver como a zona da Tinería continúa a estar nun estado de total abandono”. “Desde o Goberno de Lugo continúanos a traballar nun proxecto de cidade claro e ambicioso”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “seguiremos para mellorar e transformar a cidade, facendo de Lugo un lugar mellor, cumprindo co mandato da veciñanza das últimas eleccións municipais”, concluíu.