Skip to main content
Lugo

A Xunta culpa á “mala xesión da exalcaldesa” da falta de vivenda pública

Por 31 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A Xunta de Galicia contestou ás acusacións de Lara Méndez sobre a falta de vivenda pública culpando a exalcaldesa  “pola falta de xestión”.

Asegura que o Concello ten competencias para promover e xestionar vivendas protexidas -tal como recolle o artigo 25 da lei estatal Reguladora das Bases de Réxime Local- “pero non avanzou nada neste eido”.

Na mesma liña, a Xunta lembra convocou o ano pasado axudas para que promotores públicos, como poden ser os concellos, construísen vivendas para alugueiro -ata 50.000 euros por vivenda a fondo perdido- e o Concello de Lugo “nin sequera preguntou por elas”.

“Pero non é só que o Concello non constrúa vivenda, senón que dificulta que outras administracións poidan facelo. A día de hoxe a Xunta continúa á espera de que o Concello lle ceda terreos para poder construír vivenda pública, tan necesaria en Lugo. Logo de usar esta cuestión na campaña de maio do 2023 para axitar O Castiñeiro, o Goberno local segue sen dar pasos para permutar a parcela”, afirma.

“Lamentamos a política de confrontación e de medias verdades do PSOE con esta cuestión pois intentan atacar ao Goberno autonómico con falsidades cando saben perfectamente que se non se fan estas vivendas é porque non facilitan os terreos”, engaden.

Afirma a Xunta que segue a rehabilitar vivendas na Tinería, onde se entregaron nos dous últimos anos 9 vivendas novas en réxime de aluguer, que suman en total unhas 100 vivendas recuperadas pola Xunta en 40 edificios históricos deste barrio.

“E no resto da cidade estase avanzando para construír 200 novas vivendas, con dúas novas promocións en Garabolos, en fase de contratación dos proxectos, ademais doutras 58 vivendas pendentes de que o Concello ofreza unha parcela. No conxunto da provincia, a Xunta ten 683 vivendas en réxime de alugueiro, con prezos por debaixo do 50% dos de mercado”.

“É especialmente sorprendente que agora pretendan poñer de exemplo o Goberno de Touriño cando a súa política de vivenda foi nefasta e non supuxo nada novo. Limitouse a continuar coas actuacións que xa iniciara o Executivo anterior, como A Tinería ou a urbanización de Garabolos”, engaden.