Skip to main content
Palas de Rei

Candia condea “a falta de compromiso do Goberno de Pedro Sánchez co proxecto da fábrica de fibras téxtiles de Altri

Por 31 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A presidenta do PP lucense e cabeza de lista ás autonómicas, Elena Candia, asegurou que “o Goberno de Pedro Sánchez é unha auténtica máquina de destruír a industria e o emprego desta provincia”. Durante unha rolda de prensa na que participou o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, e membros da candidatura ás autonómicas, condenou “a falta de compromiso do Goberno de Pedro Sánchez co que nós consideramos un proxecto transformador para a nosa provincia como é a fábrica de fibras téxtiles de Altri”. Tamén avanzou que “pediremos en todas as Cámaras Parlamentarias unha rectificación ao Goberno para que apoie aos proxectos vitais para a provincia e para Galicia” porque “os lucenses e os galegos non somos menos que ninguén”.

Para os populares “deixar a Altri sen conexión da rede eléctrica para a planta de biofibras fai saltar todas as alarmas. Primeiro, porque este anuncio implica que o Goberno non ten interese en apoiar a este proxecto. E, segundo, porque se demostra que Pedro Sánchez mentiu descaradamente ao presidente Rueda, en xullo de 2022, cando publicamente lle trasladou o apoio do Executivo para Altri”.

O rexedor popular de Palas de Rei cre que “este anuncio é un paso atrás” porque “a enerxía é básica para este proxecto”. Polo tanto, considera “unha tristeza a total falta de compromiso do Goberno con este proxecto importantísimo para Galicia e a nosa provincia”. Pablo Taboada lamentou que “a liña do Goberno nos últimos meses é a contradición: un día sae unha información e ao día seguinte contradina ou rectifícana”. De feito, “hoxe escoitabamos ao delegado do Goberno escusarse dicindo que o proxecto aínda non está definido”, a pesar de que “toda a empresa está traballando dende fai dous anos de forma continua, posicionándose sobre o terreo e incluso sendo declarado proxecto estratéxico pola Xunta de Galicia”. Polo tanto, considera esta actitude como “unha falta de respecto á nosa provincia por parte do Goberno, do PSOE e do BNG que é cómplice activo”.

RESPONSABILIDADE DO PSOE E DO BNG

O PP pide “responsabilidades políticas, por coherencia e dignidade”, despois de que “Sánchez tivera a cara de vir o sábado a Lugo sen anunciar nada importante para saldar as débedas coa provincia, o luns o propio ministro de Industria recoñecera ante unha interpelación do deputado lucense Francisco Conde que o Goberno non comezar a traballar no proxecto ata decembro de 2023 e que o martes comunique que se deixa sen rede eléctrica a Altri”.

Elena Candia pediu, polo tanto, “responsabilidades ao Partido Socialista, ao seu candidato: o home-anuncio de Sánchez en Galicia que pasará á historia por ser o candidato do PSdeG menos crible e menos solvente dende que existe a democracia. E tamén ao BNG que firmou un pacto co único obxectivo de evitar que goberne a lista máis votada polos españois, pero no que nin PSOE nin BNG tiveron en conta este proxecto”.

A popular considera que “a persecución de Pedro Sánchez con Lugo, coa complicidade do BNG, está a ser claramente preocupante e demoledora para o desenvolvemento socioeconómico do noso territorio”. E, nese sentido, pediu ao Goberno central “seriedade e rigor. Non se pode falar de reindustrialización, cando están poñendo en perigo 3.500 empregos (entre Altri e Alcoa) nunha provincia de pouco máis de 300.000 mil habitantes como a de Lugo”.

ALCOA

Candia explicou que “no caso de Alcoa, as axudas de compensación de C02 anunciadas polo Goberno non solucionan o problema. A solución é fixar un prezo competitivo como teñen outros países como Francia e Alemaña. E esta solución só pode dala o Goberno; todo o demais, é facernos a envolvente”. Polo tanto, incidiu en que “o que nos vende o Executivo é unha cortina de fume. Estas axudas tan só son un 8,8% do total dos ingresos de CO2; é dicir, 500 millóns de euros menos dos que se deberían incluír no Orzamento deste ano, pois o límite que fixa a UE son 850 millóns”.