Skip to main content
Monforte

As persoas interesadas xa poden apuntarse para participar na XX Feira Medieval de Monforte

Por 16 Xaneiro, 2024Abril 16th, 2024Sin comentarios

Xa está aberto o prazo para participar na XX Feira Medieval de Monforte, que se celebrará o sábado día 30 e o domingo 31 de marzo de 2024.

O alcalde de Monforte, José Tomé, salienta que “con esta convocatoria seguimos traballando na organización das actividades propias do calendario de eventos anual do noso Concello, neste caso a Feira Medieval, logo de que onte luns 15 en Xunta de Goberno aprobaramos as bases para participar nela”.

O rexedor monfortino subliña que “este ano 2024 a Feira Medieval chega á súa vixésima edición, despois da cal xa poderemos solicitar a declaración de Feira de Interese Turístico Galego, que esperamos ter recoñecida pola Xunta para a 21ª edición de 2025”.

Bases para participar na Feira

As bases recollen o procedemento de solicitude, documentación que se debe achegar e aspectos relacionados coas características dos postos, a decoración dos mesmos, a utilización de materiais nas súas estruturas, o prezo e os horarios de apertura e peche.

As persoas interesadas en participar poderán apuntar ata o vindeiro 15 de febreiro e o día 1 de marzo publicarase na páxina web municipal a listaxe de admitidos e admitidas, data na que tamén se indicará a forma de facer efectivo o pago dos prezos de inscrición.

A organización da XX Feira Medieval admite tres modalidades de postos: gastronomía, artesanía e comercio. E, do mesmo xeito, darase prioridade ás solicitudes de vendedores e vendedoras de Monforte, así como aqueles postos de artesanía con carta de artesá ou artesán.

O prezo dos postos de artesanía e comercio será de 41,19 eruos para os que midan ata 3 metros de longo e de 51,54 euros para os que pasen desta medida. Os postos gastronómicos deberán ingresar 61,89 euros independentemente do seu tamaño. Para todos os casos, estes prezos inclúen a maiores o custo de participación e a taxa de ocupación de dominio público, que é de 6 euros por posto.

No transcurso da Feira Medieval, o horario de apertura dos postos inscritos será ás 10.00 horas e o peche dos mesmos será entre as 21.00 e 23.00 horas.

O rexedor monfortino concluíu que “a Feira Medieval de Monforte é un dos maiores eventos da cidade a nivel cultural e comercial, xa que representa un atractivo turístico e axuda a atraer visitantes a Monforte e o conxunto da Ribeira Sacra. Queremos que a xente a poida seguir incluíndo dentro da súa programación de descanso e de ocio nas vacacións de Semana Santa, e traballamos para que así sexa”.