Skip to main content
Cultura RIBEIRASACRAXAMonforte

O mago de Monforte que con 10 anos se inspira na tradición galega para facer os seus trucos

Por 7 Xaneiro, 2024Xaneiro 8th, 2024Sin comentarios

Iago Fernández, coñecido como o Mago Iago, leva dende os tres anos enriba dun escenario e xa participou en varios programas de televisión e festivais

Lucía Blanco

O seu don natural e a súa graza sobre os escenarios fan difícil de crer que Iago Fernández só teña 10 anos e que leve máis de media vida gozando da que é a súa gran paixón. “Dende pequeno xa era algo que me gustaba, pero o día xusto que dixen que quería ser mago foi cando vin ao Mago Rafa actuar aquí Monforte e me sacou como axudante”, recorda. O profesional, que é agora o seu mentor, marcou o comezo deste monfortino no mundo do ilusionismo, fiel seguidor dos máis grandes. “Hai moitos pero, coma case todos, teño de referente a Juan Tamariz para as cartas; a Mag Edgard, que gañou un programa e a Roberto Lolo”.

A familia, a tradición ou o cine son algúns dos elementos que inspiran os seus trucos, aos que tamén lles dá un toque cómico co que logra meterse ao público no peto. Precisamente, ese estilo e un número inspirado en Harry Potter conquistaron a Edurne, Risto Mejide e Dani Martínez, xurados de Got Talent, durante o seu paso polo programa no 2021. “É unha experiencia coma todas, nova e moi divertida e unha das máis especiais para min”. Algo que confirma o pai desta promesa, Iván Fernández: “Foi incrible a gravación en distintos teatros e a repercusión que tivo o programa que lle deu un enfoque moi bonito”.

O Mago Iago xunto ao Mago Rafa.

Pero Iago recoñece que aínda ten unha conta pendente co formato: “Quero volver, porque quedóuseme a espiña de non chegar á semifinal”. Con este desexo, o pequeno mago demostra as súas ganas por seguir mellorando e tamén a súa madurez, a pesar da súa idade. “Sempre para chegar a todo hai que intentar e volver intentar”. Xunto co seu paso pola televisión, recorda con especial cariño a súa primeira vez no Festival de Maxia de Sarria. “Participei por sorpresa na final e nunca o esquecerei porque foi a miña primeira actuación ao grande, diante de moito público”. A partir dese momento, foi acumulando experiencias tamén ao lado de grandes profesionais nun sector que pillou por sorpresa a súa familia. “Para nós é algo totalmente descoñecido e ter ao noso lado xente cunha traxectoria importante como Rafa, Dani Polo ou Roberto Lolo facilítache as cousas para que el vaia dando pasos neste mundo”, di Iván.

Maxia e música galega

Ata agora Lugo, Santiago, Paradela, Vigo, Ourense ou Ames son algúns dos concellos nos que actuou e que suman “un recordo que sempre vai a estar aí”, destaca Iago. Pero non se pon barreiras, polo que Las Vegas ou Hollywood encóntranse entre os lugares aos que lle gustaría levar os seus trucos. “Vai pasiño a pasiño, xa estivemos este ano no Festival Internacional da Maxia de Madrid, porque para el ir a un festival fóra de Galicia e coñecer outros sitios é algo moi bonito”, agrega o pai.

Ademais de talento, a maxia require horas de preparación polo que durante o curso, as fins de semana concentran os seus ensaios, aínda que nas vacacións a cousa cambia. “Adoita dedicarlle máis tempo, porque normalmente é cando ten as actuacións e nesas épocas procuramos sacar xogos novos que poidan gustar ao público”. De feito, este verán estreou un truco que fusiona “dúas das miñas grandes paixóns, a maxia e a música tradicional galega”. Ao ritmo de Terra de Tanxugueiras, amosa o forte arraigo polo seu mentres fai partícipes aos que teñen a sorte de gozar do número.

Conta que afronta cada actuación con tranquilidade, deixando máis que claro que o escenario é o seu hábitat natural. “Cando fun a ‘Got Talent’, algunhas persoas preguntábanme se non tivera un pouco de medo e en realidade tiven máis nervios cando saíu na televisión que cando fun ao propio programa”. Ao final, “non sabía moi ben que ían sacar ou como o ían enfocar, pero a verdade é que sempre ten moita tranquilidade, os nervios xa os paso eu”, comenta entre risas o pai. A calma que o caracteriza explica que esta promesa do ilusionismo teña claro que a súa profesión será diante dunha cámara. “Gustaríame ser presentador do ‘Luar’, en xeral, ser presentador de televisión e tamén me gustaría facer un pouco de cine porque vou a teatro”.

Ten un futuro prometedor, pero polo momento espera seguir aprendendo rodeado dos seus. “Toda a miña familia e os meus amigos estanme apoiando e dinme que siga porque é unha arte moi bonita”. E seguir gozando do contacto co público: “O que máis desfruto é cando fago unha actuación e vexo esas caras de felicidade da xente, que lle está gustando o que eu estou facendo. Aí sinto satisfacción e alegría”. Dise que un mago nunca revela os seus trucos, pero todo apunta a que a ilusión, a constancia e a naturalidade formarán parte da maxia de Iago moitos máis anos.