Skip to main content
Chantada

As actividades de Nadal do Concello de Chantada “foron todo un éxito”

O Goberno local de Chantada fai unha valoración da programación infantil do Concello para este Nadal, que contou con variadas propostas en diferentes escenarios, e din que foron “todo un éxito”.

O auditorio municipal acolleu cinco actuacións que tiveron moi boa acollida, contouse con visita da Apalpadora, contacontos, actuacións de maxia e pallasos. Ademais, os campamentos de Nadal contaron con actividades de exterior e nun ximnasio adaptado para os pequenos no pavillón municipal, e incluían servizo de madrugadores.

“Os campamentos veñen funcionando de marabilla e cada vez temos máis demanda. Comezamos hai tres anos durante o verán e fomos ampliando ao Nadal e Semana Santa. O ano pasado foi a primeira vez que os celebramos en Semana Santa e contamos coa participación de máis de 100 nenos e nenas. No verán acoden máis de 200 rapaces”, destaca o concelleira de turismo, Pamela Fernández.

Outras actividades

Durante este Nadal na Casa da Cultura desenvolvéronse tamén talleres creativos destinados a nenas e nenos de entre 10 e 12 anos, en horario de 12.00 a 13.30 horas, nos que participaron unha quincena de rapaces.

Estas actividades desenvolveunas a empresa local Velaísca e “os pais e nais están moi agradecidas porque os nenos están encantados con estas actividades”, sinala Pamela Fernández, que anuncia que o Concello de Chantada prepara axudas á natalidade para as persoas empadroadas no municipio.

Finalmente na Cabalgata de Reis, xornada especialmente destinada aos pequenos, máis de 400 rapaces encheron as rúas da vila para ver a Melchor, Gaspar e Baltasar, entregando os 500 conos de chuches que se prepararon para a ocasión.