Skip to main content
Chantada

A Xunta publica o secreto polo que se declara de utilidade público o polígono agroforestal de Sabadelle

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica o decreto da Consellería do Medio Rural polo que se declara de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de Sabadelle, en Chantada, que permitirá a posta en valor de 38,68 hectáreas de terreo, distribuídas en 114 parcelas de 80 propietarios.

Esta declaración implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público aos efectos da aplicación da tramitación de urxencia do procedemento. Os polígonos agroforestais teñen por obxecto pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva, que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal.

Tamén procuran a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas, así como o desenvolvemento de áreas que, independentemente da súa capacidade produtiva, contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos e nas que os procesos de abandono están a deteriorar eses valores.

No relativo ao polígono de Sabadelle en concreto, a zona na que se atopa está delimitada na área de actuación de varias indicacións xeográficas protexidas (IXP), formando parte da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra. Ademais, existe gran demanda de terreos na zona de actuación para a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou para a posta en marcha de novas iniciativas produtivas vinculadas á gandaría en extensivo.

Na actualidade existen 29 polígonos agroforestais en Galicia, en diferentes fases de execución, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.300 hectáreas distribuídas en 30.120 parcelas propiedade de 8.320 veciños.