Skip to main content
Monforte

A Torre da Homenaxe de Monforte iluminarase este sábado polo bicentenario da Policía Nacional

O Concello de Monforte sumarase este sábado, 13 de xaneiro, aos actos de conmemoración do bicentenario da Policía Nacional, atendendo a unha petición proveniente da Xefatura Superior da Policía Nacional de Galicia, a través da Comisaría de Monforte.

Así, desde o Goberno local sosteñen que “contribuímos a conmemorar esta importante efeméride, iluminando na noite deste sábado 13 de xaneiro a Torre da Homenaxe de San Vicente na cor azul corporativa propia da Policía Nacional”, explicou o rexedor.

José Tomé tamén aproveita a ocasión, en nome de todos os monfortinos e monfortinas, para “felicitar á Policía Nacional polos seus 200 anos de historia, e en concreto, aos seus efectivos da Comisaría de Monforte de Lemos, pola importante labor que día a día desempeñan en defensa da cidade e dos monfortinos e monfortinas”.

Tamén recordou o rexedor monfortino o anuncio da licitación da obra para a futura comisaría da Policía Nacional en Monforte, do que deu conta o pasado mes de decembro, “obra que con esta licitación xa está en marcha e que fará que a cidade conte por primeira vez con un edificio propio para a Comisaría da Policía Nacional, que albergará a todos os seus efectivos, e que mellorará sen dúbida a atención que prestan ós nosos cidadáns”, cun investimento de máis de 3,8 millóns de euros.