Skip to main content
Monforte

O alcalde de monforte reuniuse con membros da Agrupación de Interés Económico-Ribeira Sacra Next (AIE)

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, reuniuse con representantes dunha nova asociación empresarial denominada Agrupación de Interés Económico-Ribeira Sacra Next (AIE), quenes solicitaron un encontro co rexedor monfortino para presentarlle o dosier informativo da mesma, así como os obxectivos que pretenden desenvolver logo da súa creación.

Na xuntanza, os representantes da AIE-Ribeira Sacra Next valoraron positivamente a opinión do rexedor monfortino sobre este novo proxecto empresarial asociativo, sobre o seu posible percorrido e futuro máis inmediato. Neste senso, este primeiro encontro serviu para estudar sinerxías e posibles liñas de colaboración entre o Concello de Monforte e a AIE-Ribeira Sacra Next.

Unha delas, sería a posibilidade de que o Concello se incorporara ó Órgano Consultivo da mesma. Tamén se está a estudar unha posible ubicación da sede oficial en Monforte.

Na reunión, o presidente da asociación, o empresario Manuel Dacosta, explicou ao rexedor que o obxectivo máis inmediato é poñer en marcha nos vindeiros meses a xerencia de dita asociación.

O alcalde, pola súa banda, comprometeuse a estudar o proxecto que lle foi presentado, para por en marcha posibles vías de colaboración dende o Concello.